A CIG leva aos comités de empresa do persoal laboral e ás xuntas de persoal funcionario a campaña sobre a devolución dos dereitos de xubilación, en forma de escritos dirixidos á mesa da Seguridade Social, para o mantemento dos dereitos de xubilación parcial actuais para o persoal laboral e a ampliación deste dereito para o persoal funcionario.

A consecuencia da reforma das pensións do 2011 pactada polo goberno do PSOE con CCOO, UGT e a patronal. atrasouse a idade da xubilación aos 67 anos (agás para quen teña 38 anos e medio cotizados) e ampliouse o período de cálculo da pensión, pasando dos 15 aos 25 últimos anos. Tamén se ampliou o período mínimo de cotización para poder acadar o 100% da pensión (hai que cotizar 38 anos e medio para xubilar os 65, ou 37 anos para quen se xubile con 67 anos). Endureceuse igualmente a xubilación anticipada: hai que ter 63 anos de idade e 33 anos cotizados e o recorte anual na pensión é dun 8% permanente para quen teña menos de 36 anos e medio cotizados. A reforma foi agravada no 2013 pola reforma do goberno Rajoy, que adiantou os prazos de execución.

Por isto, na CIG convocamos a FOLGA XERAL CONTRA A REFORMA DAS PENSIÓNS no 2011 na Galiza, en solitario, mentres CCOO e UGT pactaban !!

Agora seguimos na loita para forzar ao Goberno a derrogar a reforma das pensións que impide, a partir do 31 de decembro deste ano, aos traballadores e traballadoras acollerse a xubilación parcial aos 61 anos, xa que remata o período transitorio para a súa aplicación.

Ademais é fundamental posibilitar a continuidade do acordo de xubilación parcial como o actual (25-75%) para o persoal empregado público, sexa cal sexa a súa vinculación laboral. Polo que esiximos que se amplíe a posibilidade da xubilación parcial ao persoal funcionario e estatutario como dereito subxectivo do traballo.

Destacamos mais propostas da CIG en relación a xubilación e reforma das pensións:

  • Supresión do Factor de sustentabilidade. A súa aplicación está aprazada ata 2023, mais é necesaria a súa desaparición.
  • Fixación por lei da pensión mínima igual ao Salario Mínimo Interprofesional (60% do salario medio) e revalorización anual como mínimo co IPC.
  • Xubilación ordinaria aos 65 anos, e voluntaria a partir de ter cotizados 35 anos, reais ou por aplicación dos coeficientes redutores en determinadas profesións.
  • Cálculo da base reguladora segundo as bases de cotización, actualizadas á data de reporte da pensión co IPC de todo o tempo transcorrido, dun período de 10 anos elixido pola persoa beneficiaria entre a súa carreira de cotización.
  • Suprimir as bonificacións e reducións da cotización empresarial á Seguridade Social en determinados tipos de contratos laborais.
  • Eliminar os topes máximos de cotización á Seguridade Social, mantendo uns límites máximos para o importe da pensión.
  • O traspaso á administración galega da competencia de xestión do réxime económico da Seguridade Social prevista no Estatuto de Autonomía.

Na CIG-Autonómica solicitamos o mantemento do Acordo de Xubilación Parcial para o persoal laboral nos termos actuais e reclamamos o dereito a xubilación parcial para o persoal funcionario.

Coa CIG somos mais fortes, defendemos a recuperación dos dereitos de xubilación !!