Por medio de Auto de 07/06/2011 que foi dado a coñecer o 14 de xuño, o Tribunal Constitucional vén de inadmitir a cuestión de inconstitucionalidade promovida pola Sala o Social da Audiencia Nacional en relación coa aplicación do recorte salarial aos traballadores da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre e Real Casa da Moeda (FMNT-RCM), a consecuencia da demanda de conflito colectivo presentada por varias organizacións sindicais representativas dese ámbito.

Esta resolución do Tribunal Constitucional afecta directamente aos 1.700 traballadores da FNMT-RCM, pero podería ademais afectar indirectamente a máis de 700.000 empregados públicos laborais da Administración Xeral do Estado, as comunidades autónomas e as administracións locais.

O Tribunal Constitucional razona que o Real decreto-lei do Goberno do Estado polo que se aprobou o recorte salarial non vulnera o dereito constitucional á negociación colectiva xa que, ao entender desta alta instancia xudicial, a forza vinculante dos convenios colectivos, amparada polo artigo 37.1 da Constitución de 1978, non se ve afectada porque a intanxibilidade ou a inalterabilidade non son elementos esenciais dos convenios colectivos en vigor.

A CIG-Autonómica amosa o seu desacordo coa decisión do Tribunal Constitucional e a súa preocupación polo que considera como a consumación dunha situación de indefensión para os traballadores da FNMT-RCM, ante un recorte salarial acordado unilateralmente.

Descargar o Auto do Tribunal Constitucional