Na concentración o sindicato maioritario en Galiza demandou do goberno estatal unha mellora salarial que recupere as perdas dos últimos anos e unha xubilación digna.

Representantes sindicais das tres federacións da Área Pública da CIG (Administración, Ensino e Saúde) concentráronse o xoves 24 diante da Delegación do Goberno estatal para exixir do Goberno a inmediata negociación dunha suba salarial que recupere o que se perdeu, como mínimo, desde o pacto sindical de CCOO e UGT de 2022 e no que se salvagarde que as retribucións nunca estarán por debaixo da evolución dos prezos.

O que as empregadas e empregados de todas as administracións públicas levan padecendo desde hai anos é un deterioro dos seus salarios e dereitos. O máis grave é que para reforzar esa perda de poder adquisitivo e, por tanto, empeorar os seus dereitos, contouse coa complicidade inexplicábel dos sindicatos estatais.

Independentemente da cor dos gobernos estatais o persoal leva máis de 15 anos perdendo cartos, cunha depreciación continuada dos seus salarios, que alcanza neste 2025 o 19,66%. As administracións públicas quedáronse neste tempo con un euro de cada cinco do que terían que ter subido as nóminas do persoal.


Negociación urxente e plan de recuperación económica para o persoal das administración públicas

As demandas sindicais da CIG son claras ao respecto e pasan por recuperar, actualizar e protexer os salarios do sector público.

  • Pago inmediato do 0,5% pendente do 2024 que resta por incorporar ás nóminas do pacto sindical estatal e recuperación do 2,3% perdido desde 2022 polo pacto de CCOO e UGT.
  • Suba salarial do 5% para 2025 (con efectos desde xaneiro).
  • Restabelecer as pagas extraordinarias completas (recortadas desde o ano 2010).
  • Cláusula de revisión salarial real, blindada legalmente e ligada ao IPC.

Unha xubilación anticipada digna

A CIG demanda igualmente do Goberno estatal unha negociación para que a tramitación da xubilación parcial se faga partindo das condicións previas á reforma do Goberno de Rajoy e que o goberno de coalición PSOE-Sumar mantén. En concreto, o sindicato insta ao Goberno a que se negocie coas organizacións sindicais antes de seguir co proceso de reforma do EBEP impulsado polo PSOE no Congreso e que afecta de cheo á xubilación no sector público, partindo das seguintes premisas:

  • Anular a proposta de subir aos 72 anos a xubilación forzosa, ficando esta nos 70 actuais.
  • Recuperar a idade ordinaria de de xubilación aos 65 anos.
  • Regular a xubilación parcial aos 61 anos e até o 85% da xornada como existía até o ano 2013, fronte a intención de aplicar a nova modalidade nos tres últimos anos de vida laboral (64 anos para quen se xubile con 67 anos, e partindo do 20% no primeiro ano e de até un máximo do 75% nos dous últimos).
  • Recuperar a xubilación anticipada aos 60 anos nos sectores que gozaban dela (con independencia do réxime ao que pertenzan) e negociar a súa extensión a máis sectores do sector público.


Por todo isto a CIG, como sindicato maioritario na Galiza, esixe a paralización da tramitación no Congreso da modificación do EBEP mentres non se produza a negociación con todos os sindicatos que, como a CIG, forman parte da Mesa Xeral das Administración Públicas.