Na, probablemente, derradeira Mesa Xeral de Empregados Públicos que se celebrará o vindeiro día 18, a Consellaría da Presidencia na súa proposta de modificación de relación de postos de traballo remitida hoxe ás centrais sindicais con representación na mesma, presenta a amortización de 83 postos de traballo, 55 deles con traballadores/as en activo que pasarán a engordar as listas de desemprego deste país.
Dende a CIG-Autonómica viñemos denunciado ao longo do ano esta pretensión da Consellaría, tanto en diferentes concentracións nos diferentes xulgados de todo o país como nas negociacións que se estaban a levar coa administración e que nestes intres estaban estancadas pola negación da Consellaría a respostar ás alegacións presentadas por este sindicato.
A nosa preocupación pola situación laboral deste persoal, nalgún caso con 20 anos de servizo continuado nos servizos de limpeza e mantemento dos xulgados dende a súa transferencia do Ministerio de Xustiza, comezou xa no mes de abril cando a Consellaría publicou as bases para a licitación do servizo de limpeza vulnerando claramente a lexislación vixente, xa que só indicaba a subrogación do persoal que dependía de empresas privadas, excluíndo ao que dependía diretamente da Xunta de Galiza, nun claro desprezo ao persoal do sector público que ademais de pasar ao paro o fará sen cobrar indemnización de ningún tipo polos anos prestados na Administración Pública.
Durante moito tempo o servizo estivo duplicado, por un lado as empresas privadas e por outro o persoal da administración pública, provocando incluso nalgún momento puntual enfrontamentos entre os diferentes colectivos polas funcións a desempeñar. Ata que finalmente, como ven facendo durante este catro anos este “goberno de esquerdas”, privatizan totalmente o servizo e botan a xente á rúa.
A CIG-Autonómica tentou en infinidade de ocasións tratar de solucionar esta problemática coa Consellaría cunha negativa constante por parte da mesma que, en palabras textuais do Secretario Xeral, comunicou que este tema era innegociable. Estamos a falar, por tanto, dunha imposición por parte da Consellaría de Presidencia que, sen ningún tipo de pudor, vai botar á rúa a 55 persoas e amortizar 83 postos de traballo.
Así é como enfronta a crise económica a Administración da Xunta de Galiza, a conta de eliminar postos de traballo para, supoñemos, entre outras cousas pagar o “plus de altos cargos” aos privilexiados/as, mercar coches de “alta gama” e arranxarlle postos “a dedo” aos amigos/as.