Había unha vez un veterinario temporal da Xunta da Galiza ao que lle ocorrían unha serie de circunstancias administrativo-laborais sempre favorábeis, que non sabemos a que se debían —pero podemos intuílo— porque:

- No concurso de traslados resolto en 2012 a praza que ocupaba, curiosamente, non foi ofertada. A praza era vacante ocupada por persoal temporal e, polo tanto, era obrigada a súa oferta para ser cuberta polo persoal fixo.

- Na OEP da Xunta da Galiza de 2017 ofertáronse 47 prazas de persoal veterinario entre as de consolidación de persoal laboral. Estas prazas correspóndense coas da denominada 2ª parte da disposición transitoria décima do V Convenio Colectivo Único do Persoal Laboral da Xunta de Galiza e, polo tanto, estaban identificadas. Entre elas atópase a que tiña o código MRC992007427500021 da Oficina Agraria de Ribadeo.

Na convocatoria do proceso selectivo para o acceso a estes postos, publicada o 11 de decembro de 2020, non aparace a   citada praza.

Os motivos que Función Pública aduciu para non ofertar dito posto no proceso selectivo coñecémolos a través dos medios de comunicación após de ser denunciada esta desaparición:

Non se trata dunha única praza, senón de doce. Trátase de prazas que non están ocupadas na actualidade, aquelas que se amortizaron por xubilación, falecemento ou causas similares e que estaban ocupadas por persoal indefinido que aprobou un proceso selectivo.

Porén, hai unha que non está en ningunha desas dúas categorías, a mencionada praza da oficina de Ribadeo. Na RPT da Consellaría do Medio Rural, nesta praza desapareceu a observación «disposición transitoria décima (2ª parte) do V Convenio Colectivo Único do Persoal Laboral da Xunta de Galiza».

Non obstante, a praza non foi amortizada nin convertida en posto de persoal funcionario. E seguiu estando reservada para unha persoa que estaba en situación de servizos especiais.

A Lei de emprego público de Galiza estipula o seguinte:

  • Artigo 167. Situación de servizos especiais   
  • O persoal funcionario de carreira será declarado en situación de servizos especiais: [...]
  • c) Cando sexa designado membro do Goberno, do Consello da Xunta [...]
  • f) Cando desempeñe cargos electivos retribuídos e con dedicación exclusiva nas asembleas das cidades de Ceuta e Melilla e nas entidades locais
  • Artigo 169. Reingreso ao servizo activo
  • 1. As persoas que cesen na situación de servizos especiais teñen dereito a reingresar ao servizo activo no mesmo posto de traballo que ocupasen con anterioridade con carácter definitivo, de este se ter obtido mediante concurso.

Como podemos observar a Lei só contempla a posibilidade de reserva de posto para as persoas que ocupen dito posto con carácter definitivo. Pero ao veterinario da nosa historia foille aplicada a Lei como se fose funcionario de carreira.

Máis coincidencias favorábeis ao noso veterinario:

- En xullo de 2025, logo de case 20 anos en situación de servizos especiais, por causas alleas á súa vontade, solicitou o reingreso e, desta volta, incorporouse nunha praza en Viveiro.

- Nese mesmo mes de xullo convocouse un concurso de traslados de persoal veterinario (o primeiro dende o 2012) e, curiosamente, novamente, a praza que ocupa o recén incorporado non sae a concurso.

Para o común das persoas que traballamos na Xunta da Galiza, que temos que sufrir unha política de persoal nefasta, caciquil e irresponsábel, a historia do noso personaxe pode parecer novelesca, pero para que algúns teñan estes privilexios, a maioría temos que vivir na incertidume, na ausencia de garantías e dereitos.