A CIG-Administración Pública denunciou ante inspección de traballo ao delegado da Xunta de Galicia en Ourense, Rogelio Martínez, por comportamento antisindical.

Como xa denunciamos publicamente, o pasado martes, día 25 de outubro, o delegado da Xunta de Galicia dedicouse a perseguir sindicalistas da CIG e arrancar os carteis que estaban a pegar no Edificio Administrativo de Ourense (Casa de Chocolate), nunha demostración máis do seu talante democrático e antisindical.

Dende a CIG non imos a consentir que se produzan na Administración galega este tipo de prácticas antisindicais e antidemocráticas e, consideramos, que poden ser constitutivas de unha infracción grave á normativa laboral e a Lei Orgánica de Liberdade Sindical, constituíndo unha transgresión dos dereitos de información dos traballadores.

Sen descartar calquera outra medida xurídica a que teñamos dereito, nun primeiro paso, presentamos unha denuncia ante a Inspección de Traballo de Ourense, solicitando se sancione estas actitudes e se depuren as correspondentes responsabilidades.

Queremos, tamén, facernos eco das declaracións que recentemente fixo o presidente Núñez Feijoo na súa viaxe a Arxentina cando falaba de que os cidadáns merecen «Un Gobierno que diga la verdad y un Gobierno que gestione esa verdad, que gestione la realidad».

Entenderemos que se Rogelio Martínez non é cesado será porque se consenten e comparten as súas actitudes. Tanto nesta actuación coma nas precedentes.