No DOG de 18/11/2011 publicouse a Orde de 16 de novembro de 2011 pola que se nomean os membros do tribunal que deberá cualificar o proceso selectivo para o ingreso no corpo auxiliar da Xunta de Galicia, subgrupo C2.

Unha vez máis, ao igual do que nos recentes procesos selectivos do A1 e A2 das escalas de informática, desde a CIG constatamos a preferencia da Administración por nomear como membros dos tribunais a persoal de libre designación.

No caso do tribunal do subgrupo C2 (quenda libre), entre os membros dos tribunais titular e suplente, atópanse persoas que ocupan Xefaturas de Servizo e Secretarías de altos cargos:

- Secretaría do Director da EGAP
- Xefatura de Servizo de Persoal na Área de Benestar (C. de Traballo e Benestar)
- Xefatura do Servizo de Programación e Ordenación de Persoal (Dir. Xeral da Función Pública)
- Xefatura do Servizo de Entidades Xurídicas e Corporativas (C. de Presidencia, AAPP e Xustiza)

Desde a CIG, opoñémonos á designación dixital dos membros de tribunais de selección por parte do Goberno. Entendemos que poboar os tribunais con persoal de confianza, como é o caso das Secretarías dos altos cargos, e con persoas que ocupan postos de traballo nomeadas polo Goberno, non asegura o cumprimento dos criterios de imparcialidade que deberían rexir os procesos selectivos.

Por iso, a CIG seguirá demandando unha reforma do sistema de designación dos membros de tribunais que asegure o cumprimento dos principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade no acceso á Función Pública, despolitizando a composición dos tribunais e incorporando medios de control por parte das organizacións sindicais.