Como non pode ser de outro xeito, queremos expresar a nosa solidariedade coas compañeiras e compañeiros traballadores da Generalitat. Rexeitamos de xeito contundente a política de recortes sanguinarios que está a levar a cabo o goberno de CiU. Consideramos estes recortes como antisociais e que só benefician a uns grupos moi minoritarios. Outro de tantos actos de submisión ao capital, á banca e ás políticas neoliberais impostas pola UE cuxo fin último é o menoscabo do servizos públicos para botalos en mans das grandes empresas privadas.

A CIG está e estará sempre ao lado da cidadanía, a principal prexudicada por estas políticas, e en contra da precarización das condicións laborais e do desprestixio do conxunto das empregadas e empregados públicos, ben sexa en Catalunya, en Euskadi, en Castela A Mancha, en Grecia, no Reino Unido ou onde queira que se intenten deteriorar os servizos públicos.