No mesmo BOE de 31/12/2011 no que aproban a suba de impostos ás rendas do traballo a través do IRPF, cos nosos soldos recortados e ultraconxelados, o Goberno de Rajoy aumenta o límite máximo anual das garantías (avales) do Estado ás entidades financeiras e fondos de rescate en 2012 até 196 mil millóns de euros -os orzamentos xerais do Estado ascenden a uns 360 mil millóns de euros, para se facer unha idea da magnitude destas cifras-.

Desde que se aprobaron pola Lei 39/2010 os orzamentos do Estado para 2011, o artigo 49, que marca o límite máximo dos avales do Estado aos bancos privados, fondo de rescate europeo e e fondos de titulización de activos, foi reformado varias veces. O aumento é brutal:

E despois de aprobar isto, seguen sostendo que non hai cartos para manter os servizos públicos. Esta bola de neve, da que case ningún medio informa e que ninguén sabe onde vai rematar, aliméntase co noso benestar. Día si, día tamén, imos perdendo calidade de vida en prol do mantemento dos privilexios dos sistemas bancario e financeiro. A reforma do artigo 135 da Constitución o deixou ben claro: o pagamento da débeda e a "austeridade" serán prioridades absolutas nas contas públicas por riba do benestar da súa cidadanía. Xa o dixera Emilio Botín:"Somos los ganadores en la crisis económica y financiera mundial".

Desde a CIG apostamos por un modelo diferente, un modelo no que o sistema estea ao servizo da cidadanía e non ao revés. Un modelo no que non se permita o negocio co interese xeral. Un modelo anterior ao novo artigo 135 da Constitución española e ao 123 da Constitución europea, no que en lugar de recorrer aos bancos centrais, se obriga aos Estados a endebedarse coa banca privada. Esa mesma banca a que se lle rescata e axuda con miles de millóns de euros, quitándollos á cidadanía, e que despois non ten problema en sacar tallada das desgrazas alleas.