A CIG considera lamentábel que PP e PSOE anunciaran o seu voto en contra da Iniciativa Lexislativa Popular promovida pola CIG para a supresión do plus dos altos cargos.

O 17 de xuño de 2008 entregábanse no rexistro do parlamento, as máis de 19.000 sinaturas recollidas pola CIG para promover unha Iniciativa Lexislativa Popular para a derrogación do chamado plus dos altos cargos. Transcorrido máis dun ano anúnciase que a ILP será debatida polo pleno do Parlamento o próximo día 9 de decembro. A CIG valora positivamente que se incluíra, por fin, o debate da ILP na orde do día da sesión plenaria. Porén, lamenta o acordo de PSOE e PP de votar en contra, máis cando desde o goberno se está xustificando a conxelación dos salarios dos empregados públicos alegando unha suposta política de austeridade, pero se manteñen os gastos derivados deste plus.


Mentres que os orzamentos da Xunta contemplan a conxelación salarial dos empregados públicos,  cando máis da metade deles non superan os 945 euros; apraza, en principio até o 2014 a aplicación dos acordos retributivos para o persoal do SERGAS e adía sine die a posta en marcha dos Plans de Mellora da Atención primaria e de Saúde Metal; reduce os orzamentos destinados ao Ensino Público galego nun 0,9% respecto dos do ano pasado; liquida a gratuidade dos libros de texto e anuncia despedimentos masivos nas oficinas de I+B ou nos centros públicos de investigación e desenvolvemento tecnolóxico, mantén este plus para aqueles funcionarios que se teñan reincorporado ou se reincorporen, en diante, ao servizo activo logo de ter desempeñado postos coa consideración de altos cargos na Administración galega durante dous anos continuados ou tres con interrupción.

O máximo complemento de destino que se cobra na administración galega é o nivel 30 (11.721 euros anuais, consonte a Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais de Galiza para 2007). O que aprobou o parlamento galego foi a consolidación dun nivel retributivo superior en 3.000 euros ao nivel 30, para aqueles funcionarios públicos que desempeñase altos cargos na Xunta de Galiza e a súa administración institucional desde 1981, data de aprobación do Estatuto de Autonomía. Ou sexa, que terá carácter retroactivo.

Quebranta os principios de igualdade, mérito e capacidade

Pódese entender que esta norma quebranta o principio de igualdade (art. 14 C.E) e os de mérito e capacidade (art. 103.3 C.E.). Deste xeito, estaríanse introducindo elementos de discriminación entre funcionarios que desempeñan tarefas idénticas e perciben retribucións dispares por razón de circunstancias xa pasadas e polas que foron compensados no seu momento cunha maior retribución.

Por outra banda, o aumento retributivo asimílase ao nivel de director xeral, o que supón rebordar o límite dos trinta niveis legais que integran a careira administrativa. Isto supón introducir un nivel retributivo supremo que só poden alcanzar os funcionarios que desempeñaron altos cargos (de designación política) e nunca os funcionarios que seguen unha carreira ordinaria, por exemplar e brillante que esta sexa. Deste xeito, estase trasladando o mérito político á orde dos méritos da carreira funcionarial.

Créase ademais, unha profunda fenda entre o funcionariado de carreira e o resto dos cidadáns que, non sendo funcionarios públicos, desempeñaron ou van desempeñar nalgún momento das súas vidas cargos públicos ou de representación política.

Estes cidadáns, sexan traballadores da empresa privada, persoal laboral das administracións públicas, desempregados ou pensionistas, non ven recoñecida a súa participación nos asuntos públicos mediante unha retribución como a que se estabelece para o funcionariado, o que é incoherente co imperativo do artigo 9.3 da Constitución, que obriga aos poderes públicos a facilitaren a participación de todos/as, sen excepcións nin favoritismos, na vida pública.

Ante isto, a CIG fai un chamamento a PP e PSOE a que reconsideren a súa anunciada posición e derroguen este plus, porque do contrario estarán avalando non xa un gasto inadmisíbel cando se recortan os orzamentos en capítulos básicos para garantir uns servizos públicos de calidade, senón mesmo unha política discriminatoria e que atenta contra o dereito fundamental a participar en condicións de igualdade aos cidadáns e cidadás na vida pública.