O secretariado confederal da CIG acorda mobilizacións contra a reforma laboral, das pensións e o acordo de negociación colectiva. O mércores 10 de febreiro haberá concentracións en Ourense e A Coruña, tras das correspondentes asembleas de delegados/as.

Na súa xuntanza de 9 de febreiro de 2010, o Secretariado Confederal da CIG acordou pór en marcha unha campaña de mobilizacións que ten como obxectivo amosar a oposición da central sindical á reforma da Seguridade Social, á anunciada reforma laboral e o acordo estatal de negociación colectiva asinado entre CCOO, UGT e a patronal. Ás asembleas celebradas en Vigo e Pontevedra o pasado día 4 de febreiro seguirán, mañá día 10 de febreiro, asembleas e concentracións na Coruña e Ourense; o venres día 12 en Ferrol e Santiago e o próximo xoves 18 de febreiro en Lugo. Estas mobilizacións culminarán con manifestacións en todas as comarcas o próximo día 10 de marzo.

O Secretariado Confederal da CIG acordou iniciar unha primeira fase de mobilizacións que culminarán cunha xornada de mobilización simultánea en todas as comarcas do país o día 10 de Marzo, Día da Clase Traballadora Galega. A CIG tamén fará un especial un esforzo en todas as comarcas, de cara ao 8 de marzo, para denunciar as consecuencias da crise desde unha perspectiva de xénero.

Así, durante esta semana e a que vén celebraranse asembleas de delegados/as con concentracións posteriores nas comarcas, para denunciar o intento de ampliar a idade de xubilación aos 67 anos, exixindo a retirada desa proposta e a da reforma do mercado laboral.

A CIG quere denunciar ademais que desde o goberno, lonxe de adoptar medidas dirixidas a combater aquelas políticas que nos levaron á crise económica, estase a recorrer a reformar a Seguridade Social e o mercado laboral en sentido negativo para os intereses dos traballadores, mentres se elude adoptar medidas fronte aos culpábeis da crise que son o capital financeiro e a economía especulativa.

No canto diso, a CIG entende que o goberno tiña que introducir medidas como o control dos movementos especulativos de capital, promover a desaparición dos paraísos fiscais, encetar unha reforma do sistema fiscal para garantir a súa progresividade, incrementar os impostos sobre o capital e sobre as rendas máis altas e favorecer unha política de crecemento dos salarios. Fronte a isto, a CIG denuncia que se está a trasladar á sociedade a mensaxe de que aquí o problema onde está é no mercado laboral que tería unhas condicións inmellorábeis e unhas supostas rixideces que o fan pouco competitivo.

Alén destas mobilizacións, nas comarcas onde hai empresas en crise, a CIG procurará convocar mobilizacións de carácter comarcal.

Reforma Laboral

O Secretariado Confederal tamén acordou facer un reparto masivo de folletos informativos nos centros de traballo denunciando o acordo interconfederal para a negociación colectiva para os próximos tres anos, asinado por CCOO, UGT e a CEOE, por entender que unha vez máis o que se fai é promover unha política de perda do poder adquisitivo dos salarios en favor dos intereses e do incremento dos beneficios por parte da patronal, sen garantía algunha de que ese sacrificio que van facer traballadores e traballadoras redunde en mellorar nin a calidade nin o número de empregos.