A central nacionalista fai un chamamento, a todos os traballadores e traballadoras, a rexeitar as medidas anticrise propostas polo Goberno español e demandar a convocatoria dunha folga xeral.

A Confederación Intersindical Galega convoca para o vindeiro xoves 17 de xuño unha serie de mobilizacións en todo o país para rexeitar na rúa as medidas anticrise propostas polo Goberno español e loitar por unha folga xeral que paralice a nova reforma laboral. As manifestacións desenvolveranse a partir das oito da tarde en Vigo, A Coruña, Santiago de Compostela, Pontevedra, Ferrol, Lugo, Ourense e Vilagarcía de Arousa. A central nacionalista repartirá tamén folletos explicando a necesidade de dar unha resposta contundente aos cambios que o Executivo de Zapatero pretende introducir porque constitúen un ataque aos dereitos da clase traballadora.

Entre os principais argumentos, sosteñen que abaratar o despedimento non vai xerar emprego e que reducir os salarios desactivará o consumo e paralizará a economía. Neste senso, lembran que os países con salarios máis altos son os que menos están a sufrir a actual crise económica, teñen unha menor porcentaxe de desemprego e os contratos son menos precarios. 

Nos folletos arguméntase a oposición da CIG á reforma laboral e analízase o que suporá para as traballadoras e traballadoras a súa entrada en vigor. Dende o sindicato sosteñen que abaratar o despedimento non xera emprego, senón que o destrúe, e que reducir salarios non crea riqueza, xa que paraliza o consumo e desactiva a economía. Neste senso, poñen de manifesto que os países con salarios máis altos son os que menos están a sufrir a crise, teñen menor desemprego e contratos menos precarios.


Alertan tamén de que a reforma reducirá as pensións, cederá a xestión dos contratos a axencias privadas e empresas de traballo temporal, flexibilizará a xornada laboral e desregulará a negociación dos convenios para abaratar salarios e empeorar as condicións de traballo.

Finalmente, lembran que os sindicatos españois UGT e CCOO teñen asinado nestes anos distintas reformas laborais que supuxeron o abaratamento do despido e a redución dos salarios e animan aos operarios/as a saír á rúa para rexeitar os cambios previstos.

LUGAR E HORA DAS DISTINTAS MOBILIZACIÓNS:

-Vigo: Vía Norte ás 20.00 horas.

-A Coruña: Praza da Palloza ás 20.00 horas.

-Santiago de Compostela: Praza Roxa ás 20.30 horas.

-Pontevedra: Praza da Ferrería ás 20.30 horas.

-Ferrol: Avenida de Esteiro (local da CIG) ás 20.00 horas.

-Lugo: Parque de FRIGSA ás 20.00 horas.

-Ourense: Pavillón dos Remedios ás 20.00 horas.

-Vilagarcía de Arousa. Casa do Mar (Avenida da Mariña) ás 20.30 horas.

Consulta aquí o folleto explicativo.