Dous anos e medio despois de finalizar a histórica folga na xustiza galega, aínda hai traballadores e traballadoras que están sendo perseguidas por defender os dereitos laborais de todo o persoal deste sector.

O martes 3 de novembro, a compañeira Chelo Rodríguez e o compañeiro Javier Fernández enfróntanse a un xuízo por un suposto delito de coaccións por exercer o seu labor sindical durante a folga da xustiza do ano 2018 como representantes do persoal.

Consideramos que é un caso absolutamente inxusto e desproporcionado, máxime cando un xuízo de faltas similar contra diversos membros do comité de folga da provincia da Coruña rematou cunha sentenza absolutoria.

Estamos ante unha clara persecución contra os delegados e delegadas sindicais máis reivindicativas na folga da xustiza e unha caza de bruxas contra daquelas centrais que non asinaron o acordo acadado a base de traizóns ás traballadoras que viñan de rexeitalo nas urnas.

Cómpre lembrar que a causa ten a súa orixe no escrito que a Letrada de Penal 6 dirixiu á Secretaría de goberno, quen a elevou á Fiscalía, e esta a enviou ao Xulgado de Instrución, despois de que un piquete informativo falara con ela nunha das xornadas da folga a causa da interpretación abusiva que estaba facendo dos servizos mínimos. A letrada arrogouse unhas competencias que non lle corresponden para ampliar os servizos mínimos, sen que este abuso lle carrexara consecuencias mentres que Chelo e Javier seguen perseguidos sen motivo.

A denuncia tamén provocou a apertura dun expediente disciplinario que quedou en suspenso até que conclúa a vía xudicial. É dicir, ademais de ter que sufrir todo este proceso, cando saia a sentenza aínda se terán que enfrontar á resolución do expediente administrativo, sufrindo un dobre castigo. Por iso, dende a CIG seguimos demandando a absolución desta compañeira e deste compañeiro e o arquivo do expediente.

Durante estes dous últimos anos a CIG convocou distintas concentracións en apoio a Chelo e Javier e denunciando a represión sindical que están a sufrir, pero dada a actual situación sanitaria, consideramos que non procede concentrarnos o día 3 diante dos xulgados para mostrar o noso apoio e seguir denunciando a persecución sindical.

NON Á REPRESIÓN SINDICAL!!!
DEFENDER OS NOSOS DEREITOS NON É DELITO!!!