Dentro da campaña a prol da recuperación real e efectiva do poder adquisitivo do persoal empregado público, a CIG-Administración ten convocada unha concentración o vindeiro 12 de xullo, ás 11:30 horas, diante da Delegación do Goberno na Coruña. O obxectivo desta campaña, que se desenvolverá ao longo de todo o ano, é que nos orzamentos da Xunta e do Estado para 2023 se contemplen toda unha serie de medidas para facer fronte á carestía da vida.

Desde o roubo do ano 2010, no que sufrimos unha perda de poder adquisitivo do 8%, a evolución dos salarios foi negativa (agás nos anos 2014 e 2015, debido á inflación negativa ou do 0%) até 2018, ano no que comezou unha tímida recuperación. Porén, no ano 2021 e 2022, como consecuencia da desbocada inflación, a perda de poder adquisitivo acumulada desde o ano 2010 do persoal empregado público é do 17,30%.

Neste senso, no sector público sofrimos un empobrecemento progresivo, até o punto de que o persoal das categorías e grupos máis baixos da administracións só viron actualizados os seus salarios grazas ao incremento do SMI.

Diante desta situación a CIG-Administración propón un incremento salarial do 5% en cada unha das tres anualidades do período 2022-2024, para poder recuperar o poder adquisitivo perdido, ademais do establecemento dunha cláusula de garantía salarial por desviación do IPC e a recuperación da retribución básica completa no importe das pagas extraordinarias de todos os grupos, que foron reducidas polo Real Decreto Lei 8/2010.

Xornada de 35 horas

A CIG-Administración Autonómica propón tamén o estabelecemento dunha xornada máxima de 35 horas semanais, como unha medida de reparto do traballo ante unha galopante taxa de paro que xa é estrutural no mercado de traballo galego. Necesitamos reducir a xornada nos cómputos anuais, semanais ou establecendo días concretos de descanso nos calendarios.

Defendemos que se estabelezan en cada administración marxes de flexibilidade no cumprimento da xornada, que fagan posíbel a conciliación da vida familiar e laboral, fixando un horario mínimo de referencia para permanecer no posto de traballo.

Acabar coas horas extraordinarias e a taxa de reposición

Para a CIG-Administración é imprescindíbel acabar co abuso das horas extraordinarias, derivadas en moitos casos da propia perversión da taxa de reposición que, so pretexto do control do gasto, impide a creación de prazas pero non limita a ampliación das xornadas laborais mediante horas extraordinarias, que se teñen que retribuír co incremento do gasto correspondente. No mesmo sentido, reivindicamos a eliminación da nefasta taxa de reposición que leva provocado a asfixia funcional das administracións, a privatización dos servizos e a precarización do persoal.

Con estas medidas poderíase mudar radicalmente a situación. Non podemos permitir que no momento no que o IPC está disparado, se pretenda impor un Pacto de Rendas para que a clase traballadora e, por conseguinte o persoal do sector público volva cargar nas súas costas cos efectos dunha nova crise.