A plataforma cidadá Queremos Galego, da que a CIG forma parte, sairá ás rúas das principais cidades e vilas de Galiza o 17 de maio ás 12h, para reivindicar a vida en galego, aquí e agora.

40 anos de lei de normalización lingüística non serviron para garantir a presenza e dispoñibilidade do galego en todos os espazos da vida pública. Os avances para a lingua conseguidos pola acción do movemento social pola lingua encontráronse coa pasividade, cando non coa oposición, das institucións, nomeadamente daquelas que teñen obriga de promovela e defendela.

A actual situación de emerxencia lingüística é en grande parte consecuencia do desleixo dos poderes públicos, que abandonaron e desprezaron a crecente conciencia social sobre a lingua e a vontade de repoñela e normalizala.

Por iso, desde a CIG animámoste a participar nas mobilizacións do día 17 de maio e a asinar o manifesto que a Plataforma Queremos Galego impulsa para ese día.

Lugares das mobilizacións, mércores 17 de maio ás 12h:

  • Santiago de Compostela (Alameda)
  • A Coruña (Obelísco)
  • Lugo (Praza Maior)
  • Ourense (Praza do Correxidor)
  • Pontevedra (Praza da Peregrina)
  • Vigo (Cruce Vía Norte)
  • Ferrol (Praza do Inferniño)
  • Monforte de Lemos (Praza de España)
  • Foz (Casa do Concello)