Persoal de Prevención e Extinción de Incendios Forestais da Xunta volveu mobilizarse este luns para reclamar un servizo 100% público e único, no que todo o persoal teña as mesmas condicións laborais, se lle garanta a súa saúde e seguridade, que dispoña de dignidade salarial e que traballe todo o ano nas multiemerxencias e colabore na restauración das zonas queimadas. A protesta, convocada pola CIG, coincidiu co remate do contrato de 938 persoas traballadoras do SPIF

A data escollida ten o simbolismo de ser o primeiro día tras a saída do servizo de 938 traballadores e traballadoras porque empezan a suspensión dos seus contratos. A CIG entende que a Xunta de Galiza non actúa con responsabilidade, porque todo este persoal podería facer parte das tarefas de restauración das zonas queimadas e facer labores de prevención para que o ano que vén os incendios non sexan tan intensos.

O Goberno galego aínda non dera ningún tipo de resposta ás reivindicacións do colectivo e nin sequera se fixera unha valoración responsábel do acontecido este verán. Reivindicamos que a Xunta sente negociar e que comprenda que somos parte da solución ás vagas de lumes.

É rechamante que dende o Goberno galego se estean a demandar medios ao Estado cando ten un servizo precarizado e no que o persoal profesional non traballa todo o ano. No mes de agosto, en plana vaga de lumes, cubríronse 200 postos que estaban baleiros. Unha práctica que pon en risco as persoas traballadoras e a propia veciñanza, xa este persoal entra no servizo con moi pouca formación e experiencia.

Pois, tal e como se destacou no manifesto lido ás portas da Xunta, “a profesionalización non está en discusión. Non pode volver a suceder o que pasou este verán, cando o persoal sen experiencia nin formación axeitada estaba dirixindo o lume ou traballando nas brigadas de extinción”.

Xunto a isto, reclamamos a homologación das condicións de traballo e salariais de todo o persoal, estendendo xa ao persoal laboral o acordo de melloras do persoal funcionario asinado hai dous anos. Non se pode comprender que facendo o mesmo traballo e dependendo organicamente da mesma consellaría unhas persoas cobren domingos e festivos e outras non, unhas teñan que facer alongamentos de xornada en determinadas circunstancias e outras non, etc.