A redución do gasto público provocará máis desemprego e perda de calidade nos servizos públicos.

O goberno Rajoy anunciaba tras do Consello de Ministros toda unha serie de medidas, en materia económica, destinadas a reducir o gasto público en 8.900 millóns de euros. Para a CIG supón dar continuidade ás políticas que viña aplicando o PSOE, dirixidas unicamente a reducir o déficit público, a custo de empeorar as condicións de vida de pensionistas, traballadores que perciben o SMI, empregadas e empregados públicos ou persoas dependentes. Alén diso, non introduciu nin unha soa medida para combater a especulación coa débeda pública, nin para estimular a economía e a creación de emprego.

Na introdución da Referencia do Consello de Ministros sinálase que as aprobadas este venres, son medidas dirixidas a loitar contra o paro, porque segundo o PP, é o déficit público o que impide que chegue financiamento ás empresas e particulares. Porén, desde a CIG consideramos que, se realmente se quixera combater o déficit público, introduciríanse medidas que impediran a especulación coa débeda, que impediran que os cartos que recibiu a banca a un interese do 1% se destinaran a mercar débeda pública a un 5, un 6 ou mesmo un 7%, incrementando así o déficit do estado.

Fronte a isto, para garantir que os recursos chegan a empresas e particulares, a CIG defende a creación dunha banca pública, algo que tampouco parece estar entre as previsións do PP.

Alén diso, denunciamos que a redución do gasto público vai provocar que se perda emprego, que empeore a calidade dos servizos públicos, a paralización da construción de novas infraestruturas ou a caída do I+D.

Reforma fiscal

Desde a CIG demandamos unha verdadeira reforma fiscal e denunciamos a inxustiza do novo gravame anunciado sobre as rendas do traballo, que implica un maior sacrificio para as rendas máis baixas, cando do que se trata é de subir o IRPF ás máis altas.

Respecto dos rendementos do capital inmobiliario, reclamamos unha reforma para que se aplique, cando menos, a mesma escala que para as rendas do traballo.

Consideramos que novamente se castiga aos sectores máis desfavorecidos, coa conxelación do SMI ou co incremento do 1% para as pensións, porque non permitirá que manteñan o seu poder adquisitivo.

Sobre o mantemento do IVE superreducido para as vivendas, consideramos que ten como único obxectivo favorecer á banca para que se libere do seu stock, cando o necesario sería unha política de vivendas sociais para facilitar o acceso.

O goberno do PP vén de establecer tamén unha moratoria dun ano para a incorporación de beneficiarios a diversas categorías de dependencia. Esta medida resulta discriminatoria para quen ten dereito ás axudas, as necesita e estaba agardando pola súa concesión. ´Consideramos que non ten sentido que se lle aplique este aprazamento.

Do mesmo xeito, desde a CIG manifestamos a nosa preocupación pola situación na que van quedar a administración e os servizos públicos, cos recortes de persoal que provocará a aplicación dunha taxa de reposición do 0%, e as consecuencias que isto terá sobre a súa calidade. Ademais, resulta especialmente preocupante fixar a taxa de reposición no 10% para servizos esenciais como Ensino ou Sanidade.