A Dirección Xeral da Función Pública pode estar a negociar as oposicións con empresas con intereses económicas nelas.

Dende a CIG-Autonómica temos coñecemento de que unha persoa, Antonio Estévez, administrador do foro da academia Cefiasa-Grupo Adams e cuxo nome coincide co director da dita academia publicitou unha mensaxe na que se rebela información sobre a convocatoria de prazas de promoción interna e de escalas da Administración Especial. Segundo o propio informante esta información sae da Subdirección Xeral de Provisión de Postos de Traballo e Selección de Persoal dependente da DX de Función Pública.


É inadmisíbel que este tipo de informacións se falen con titulares de dereitos privados que entran en colisión directa co interés xeral. As empregadas e empregados públicos temos dereito á negociación colectiva recoñecido tanto no EBEP como na Lei da función pública de Galiza.


Logo, pódese estar a vulnerar o principio de negociación efectiva e de boa fe ao levar decisións xa tomadas ás mesas de negociación. Negociacións, que supostamente, negócianse previamente cos titulares de empresas privadas que teñen intereses económicos no asunto.

Tamén pode existir un posíbel tráfico de influenzas e información privilexiada a favor de, cando menos, dunha empresa con intereses económicos nos procesos selectivos da Xunta de Galiza.

Dende a CIG solicitamos que se abra un expediente informativo para delimitar o alcance dos feitos expostos e, se é o caso, depurar as responsabilidades oportunas.

Exiximos a DX da Función Pública que volte á legalidade e deixe de ningunear ás empregadas e empregados públicos que teñen dereito a unha negociación efectiva no canto de imposicións que  presuntamente se negocian co sector privado con intereses económicos no asunto.