Son frecuentes os incumprimentos dos cronogramas e moitos os procesos selectivos ofertados que seguen "acumulandose" a agarda da súa convocatoria. Nestes casos as restricións orzamentarias soen ser a xustificación máis esgrimida, a pesar de que temas coma a promoción interna non teñen un claro impacto económico. Esta falta de axilidade nos procesos selectivos acentúase mesmo ao final, cando xa está rematado o proceso.

Son varias as convocatorias das que se publicou a relación de aspirantes que superaron o proceso selectivo e que están pendentes só do acto de elección de destino e toma de posesión. Entre eles cómpre destacar a convocatoria da OPE 2009 do Corpo Superior da Administración da Xunta de Galiza, subgrupo A1 (listaxe publicada o 22/10/2012) ou a convocatoria da OPE 2008 da categoría laboral de legoeiros/as (listaxe publicada 20/09/2012)

Se ben algún destes procesos está pendente da resolución dun concurso de traslados, entendemos que se podería e debería estudar melloras nos procedementos actuais que axilicen os procesos selectivos unha vez rematados.

Desde a CIG, vimos de solicitar unha xuntanza coa Dirección Xeral de Función Pública na que se nos informe dos procesos selectivos que se atopan actualmente a agarda da elección de destino e toma de posesión, así como o seu motivo. Do mesmo xeito, na dita xuntanza gustaríanos poder estudar os diferentes casos e buscar solucións de consenso para axilizar ao máximo esta fase final dos procesos selectivos.