A Dirección Xeral da Función Pública vén de lles presentar ás organizacións sindicais unha proposta de modificación do regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna, aprobado polo Decreto 93/1991, do 20 de marzo.

A proposta da Administración enfoca a revisión da normativa de provisión de postos cun único obxectivo: o recorte, neste caso, do número de días para tomar posesión que lle corresponden ao persoal funcionario en caso de que a adxudicación dun posto de traballo nun concurso de traslados comporte un cambio de localidade.

Até agora, o artigo 14 do Decreto 93/1991 dispoñía que o prazo para tomar posesión dun posto obtido en concurso era de tres días hábiles, se o posto se atopa na mesma localidade, e un mes, se o posto radica nunha localidade distinta.

O cambio pretendido pola Administración é que o prazo posesorio se reduza de tres a dous días no caso de que non haxa cambio de localidade, e dun mes a cinco días no caso de que exista cambio de localidade.

Desde a CIG-Autonómica, considerando que o decreto 93/1991 está en boa medida obsoleto, entendemos que é necesaria a súa revisión integral, non a través dunha reforma avara que só pretende restrinxir dereitos como a que propón a Administración, senón atinxindo cuestións en materia de provisión de postos que están actualmente desreguladas ou nas que é son necesarios cambios normativos para adecualas á situación actual da Administración.

Neste sentido, desde a CIG, ademais de que demandar que na proposta da Administración se eliminen os aspectos de discrecionalidade como o concepto de cambio de residencia ou a demora nos prazos por necesidades do servizo, propoñemos que se negocien as cuestións seguintes:

  • Determinación dos criterios xerais para a adxudicación de destinos con carácter provisional ou definitivo ao persoal de novo ingreso
  • Concreción da obriga da Administración de lle ofertar ao persoal de novo ingreso todos os postos vacantes co nivel mínimo do correspondente grupo que pasasen polo concurso de traslados inmediatamente anterior, regulándose o suposto de que os postos estean cubertos por persoal interino e recolléndose, así mesmo, os criterios baixo os que se ofertarían postos doutros niveis.
  • Obxectivación da obriga da Administración de ofertar todos os postos vacantes nos concursos de traslados
  • Inclusión dun novo marco regulatorio para as comisións de servizo, que  inclúa  a súa oferta mediante convocatoria pública e baremo preestablecido.


Descargar a proposta de modificación do decreto 93/1991 presentada pola Admón.