Cun desprezo absoluto aos miles de opositores que se presentan ás oposicións da Oferta de Emprego Público (OEP) do 2008, a Xunta do PP decide que non hai aspirantes dabondo para cubrir as prazas e quere darlles a oportunidade de presentarse a todos aqueles que non se inscribiron porque non coñecían o galego.

A apertura dun prazo extraordinario para presentar solicitudes ven dado pola supresión da obriga de facer un dos exames en galego (consistente únicamente en entender un test e respostar marcando na folla de respostas). A intención é dobre: por un lado boicotean os procesos de consolidación permitindo que opositores procedentes doutros puntos do Estado español se poidan presentar e sen coñecer o galego e por outra, no conxunto de procesos selectivos, españolizan a Función Pública galega.

As demandas de Galicia Bilingüe, FAES, UPyD, Falange Auténtica e CSIF son deste xeito cumpridas: unha Administración galega sen galego, unha Administración galega sen galegos/as, antepondo o dereito do servidor público ao dereito do cidadán.

O persoal interino debe agradecerllo tamén a CCOO e UGT, quen na última Comisión de Persoal abstivéronse ante tamaña tomadura de pelo é facilitaron coa súa inhibición o asalto á Función Pública galega con opositores importados que descoñecen a lingua dos administrados.

Consecuencia indirecta desta decisión é a dilatación dos prazos e a posibilidade de que entremos no 2010 sen que comecen os exames da oferta do 2008.

Contra esta decisión, CIG-Autonómica tomou a decisión de interpoñer recurso contencioso-administrativo por entender que non se axusta a dereito, pendente do que diga a nosa asesoría xurídica.