No DOG do 11/04/2013 publícase tanto a orde que abre o prazo posesorio das prazas adxudicadas no último concurso de persoal laboral do grupo I ao IV, así como as distintas ordes de adxudicación de destino defintivo das categorías destes grupos que estaban en destino provisional. Exceptúanse destas tomas de posesión as prazas do grupo IV das categorías 4 (auxiliar coidador) e 5 (oficial 2º de cociña). Finalmente Función Pública non atendeu o noso requerimento e deixan adiada estas tomas de posesión para xuño.

O prazo de toma de posesión comezará a contarse a partir do día seguinte ao do cesamento e será de tres días hábiles se o posto de traballo radica na mesma localidade de residencia habitual do concursante ou dun mes se radica en localidade distinta e supón un cambio de residencia debidamente xustificado, consonte establece o V Convenio Colectivo.

O cesamento deberá efectualo a consellería a que figure adscrito o traballador dentro dos tres días hábiles seguintes á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Se a adxudicación comporta o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión será dun mes que deberá computarse desde o día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

A maiores, Función Pública vén de achegarnos un documento de instrucións elaborado ante as dúbidas dos servizos de persoal aclarando as diferentes casuísticas que se poden producir no período de cesamentos e tomas de posesión, aplicabeis tanto para o persoal que concursa como para o que toma posesión definitiva.