A CIG vén de se dirixir á Dirección Xeral da Función Pública para lle sinalar, antes da publicación da Orde de xornada, flexibilidade horaria e teletraballo, que o texto do Proxecto desta Orde podería vulnerar a Lei 7/2004 de igualdade de mulleres e homes.

O artigo 44.1 da Lei 7/2004 dispón para o caso da flexibilización horaria por razóns da vida familiar e laboral, que a Administración deberá autorizar o horario de referencia máis amplo que sexa posible, de acordo coas necesidades do servizo. Neste suposto, non está previsto na Lei a imposición dunha franxa diaria na que o horario de traballo sexa fixo. Tampouco se condiciona a autorización do horario de referencia máis amplo posible á concorrencia de circunstancias persoais ou familiares que deban ser xustificados pola persoa interesada.

A alínea a) do artigo 6.3.1 do Proxecto de Orde de xornada, flexibilidade horaria e teletraballo, en cambio, no caso da flexibilización por conciliación familiar, estipula que a Administración procurará establecer unha franxa horaria fixa, en aparente contradición cos termos da Lei, condicionando ademais o non establecemento da dita franxa fixa á concorrencia de circunstancias persoais ou familiares da persoa interesada, o que non está previsto na Lei e constituiría ademais unha intromisión na intimidade, tendo en conta que a Lei 7/2004 determina un criterio obxectivo para ter dereito á flexibilidade (ter fillos/as menores de 12 anos ou familiares convivintes que precisen asistencia).

No caso de que a Administración non axeitase o artigo 6.3.1 do Proxecto de Orde á Lei 7/2004, os servizos xurídicos da CIG estudarían as accións oportunas.