A CIG-Autonómica denuncia o uso dos recursos públicos para facer apoloxía do Cristianismo disfrazado nunha exposición.

Todo o entrechán do Edificio Administrativo da Xunta en Vigo (rexistro, seguridade e corredores), está literalmente tomado por imaxes e textos de Papas, crucifixos, lemas relixiosos. Teoricamente é unha “exposición oficial” co título “Vida y espiritualidad de Madre Teresa de Calcuta”, pero vai máis alá dunha exposición cultural.

O cartace anunciador da exposición informa de que o horario de visita, con entrada de balde, é de 11 a 19 h de luns a venres, e de 9 a 14 h os sábados, pero chega a ofrecer visitas guiadas fora do horario anterior e por tanto, facendo uso do persoal de seguridade e gastos de iluminación que sufragamos todos os cidadáns.

Os mesmos que rexeitaron a materia “educación para a cidadanía” no ensino obrigatorio por afirmar que en realidade se trataba dun adoutrinamento ideolóxico, disfrazan de exposición cultural o uso dun centro público para adoutrinamento dunha opción relixiosa nun estado aconfesional. A CIG-Autonómica esixe a inmediata retirada dos cartaces de santos rezando, Papas, crucifixos, fotos de cristos, espazos para axeonllarse, catre, mobiliario para unha posíbel celda relixiosa ..  dos organismos oficiais pois non se trata dunha exposición que conteña obras artísticas como poderían ser fotografías, pinturas, esculturas; pola contra é un acto de exaltación dunha figura e da doutrina da Igrexa Católica.

Esta “exposición” vulnera os principios dun Estado laico, e lonxe de dar un perfil dun personaxe histórico adéntrase descaradamente nun confesionalismo rancio cun contido apoloxético propio do nacional-catolicismo. Unha mostra máis da política talibán de adoutrinamento de Partido Popular.

A CIG-Autonómica fixo denuncia pública ante os medios de comunicación e puxo os feitos en coñecemento da Fiscalía solicitando a súa intervención.

{phocagallery view=category|categoryid=17}