A CIG reclámalle á Xunta a reposición inmediata dos salarios roubados indebidamente aos/ás traballadores/as.

As organizacións sindicais CIG, CCOO, UGT e CSIF compareceron este venres, día 24, en rolda de prensa para valorar a sentenza do Xulgado do Contencioso Administrativo nº 3 de A Coruña, que vén recoñecer o dereito das empregadas e dos empregados públicos a cobrar unha parte da paga extra de 2012, que fora negada pola Administración Autonómica en suposta aplicación da normativa estatal de recortes dos dereitos laborais do persoal ao servizo das administracións.

A modificación estatal foi introducida polo Real Decreto-Lei 20/2012, do 13 de xullo, de medidas para garantir a estabilidade orzamentaria e de fomento da competitividade que reforma o artigo 50 do Estatuto Básico do Empregado Público. Este decreto é o mesmo que suprimiu, entre outros, os días de antigüidade e os días de asuntos propios, deixando, ademais, sen efecto todos os acordos sindicais adoptados ata ese momento.

Esta é a primeira das sentenzas que irán aparecendo ao longo da xeografía galega xa que se corresponde cunha serie de demandas interpostas en diferentes localidades dentro dunha acción concertada entre as catro centrais sindicais con presenza na Mesa Xeral de Negociación, encamiñada a exercer a defensa do funcionariado. Estas demandas foron feitas a modo de sondaxe en todos os ámbitos do funcionariado (estatutarios, Sergas, Ensino, Administración xeral, etc.). Acordamos esta forma de presentar estas demandas individuais porque, a diferencia do que sucede no ámbito do persoal laboral, no funcionariado non existe a posibilidade de formular un conflicto colectivo, o que obriga a interpoñer reclamacións individuais.

A sentenza recoñece que a aplicación da Lei 20/2012 non pode ser feita con carácter retroactivo, xa que son dereitos adquiridos antes da posta en vigor da mesma. A lei entrou en vigor o 15-07-2012 co que se recoñece que non procede aplicarse retroactivamente dende o 01-06-12 até o 14-07-12. Sendo este o período que a Xunta de Galiza estaba obrigada a facer pagamento. O Contencioso-Administrativo recoñece o dereito do funcionariado a cobrar 44 días da paga extraordinaria de 2012.

Esiximos que non se dilapiden cartos públicos, obrigando o funcionariado e persoal laboral a presentar nos xulgados reclamacións indivuduais, polos custes xudiciais que isto terá e os colapsos dos ámbitos xudiciais, e que con  boa vontade proceda a recoñecer este dereito, que está sendo sentenciado polos xulgados de forma firme e contra a que non cabe interpoñer recurso.

Paralelamente, CIG, CCOO,UGT e CSI-F dirixíronse este mesmo venres  á Conselleira de Facenda, solicitando entrevista urxente para que nos explique que vai a facer a Xunta.

Con carácter xeral, e para evitar farragosos trámites e gastos, a CIG vai a desenvolver todas as accións ao seu alcance para conseguir o recoñecemento do dereito a cobrar unha paga extra que, como calquera outro concepto salarial, é froito do traballo e esforzo de todos e cada un dos traballadores e traballadoras do sector público.