As catro organizacións con presenza nas mesas de negociación plantamos o venres 1 de agosto á Xunta de Galiza e levantámonos da Mesa de Negociación da Promoción Interna de Corpos Xerais.

Consideramos unha aberración a primeira proposta de borradores que remitiu Función Pública e as modificacións aceptadas tras a primeira xuntanza como un atropelo a todas as empregadas e empregados públicos.

Esiximos que a Xunta de Galiza retire esta proposta e volver ás bases do ano 2009 como punto de partida negocial, xa que entendemos totalmente inxustificado o cambio das bases.

As empregadas e empregados públicos estamos fartos da criminalización sistemática que fai a Xunta de Galiza e o Partido Popular nos medios de comunicación, fartas de recortes salariais e da privatización dos servizos públicos que prestamos, fartas dos despedimentos dos miles de compañeiras e compañeiros. A todo isto, que non era pouco, agora temos que engadir a negación do dereito á promoción interna coa pretensión da Xunta de Galiza de impoñer unhas bases contra natura, que cercenan os dereitos do persoal cunhas probas no que a obxectividade desaparece e que van poder ser interpretados polos tribunais que nomeará a dedo o Partido Popular o que provocará que a subxectividade e o clientelismo desembarquen con total impunidade nas probas de promoción do persoal.

Criticamos tamén que a Xunta tratara de influír na negociación fixando as datas nos últimos días de xullo e primeiros de agosto nunha clara intención de que ao persoal, que maioritariamente ten que desfrutar das súas vacacións nestes meses, non lle chegara a información. A pesar diso, as catro organizacións recibimos un dos maiores número de alegacións que lembramos nunha clara mostra de que o persoal está farto da falla de respecto da Xunta de Galiza e nunha demostración de rexeitamento unánime da proposta da Administración. Non pode ser que despois de 5 anos sen promoción interna se propoña unha convocatoria destas características.

CIG, CCOO, UGT e CSIF esiximos a retirada destas bases e avisamos que non nos sentaremos a negociar coa Xunta de Galiza mentres isto non se produza. Anunciamos que estamos a preparar asembleas conxuntas no mes de setembro para facilitar a participación de todo o persoal que se atopa de descanso e, no caso de que a Administración non cambie o seu parecer, tomar as decisións necesarias que desemboquen nunha mobilización masiva contra este novo atropelo ao que nos quere someter a Xunta de Galiza.