Cando o venres 21 de novembro discutimos na Mesa Xeral os borradores das bases de promoción interna de funcionarios de corpos xerais, produciuse unha situación curiosa protagonizada polo director xeral de función pública: reprendeunos por abandonar a negociación, pola falta de concreción das nosas alegacións e vendeunos a xenerosidade que teñen por negociar sen ter obriga de facelo.

Reprendendo aos sindicatos

O máximo responsábel de estarmos cinco anos sen promoción interna, quere atribuirlle o retraso ás organizacións sindicais. Cinco anos facendo o don Tancredo e agora córrelle presa e abronca aos representantes dos funcionarios e funcionarias por levantarnos da xuntanza anterior (1/8/2014).

A primeira xuntanza fora o 4/7/2014, cuns textos inaceptábeis; a CIG presentou as súas alegacións escritas dez días despois, con data 14/7/2014; a segunda xuntanza fora o 1/8/2014, cuns textos non menos inaceptábeis que os primeiros e con Función Pública disposta a falar de pouco máis que de onde escribir os puntos e as comas nas bases, sen entrar a discutir o fondo, o que motivou que nesa xuntanza, o 1 de agosto, nos negásemos a ser monicreques e marchamos.

Resulta que para esta Mesa Xeral achegan uns documentos idénticos aos da xuntanza do 1/8/2014, e resulta que nos contan que xa daquela tiñan claras algunhas cousas que querían modificar. Entón, porque nos entregaron tanto agora como antes uns textos conscientemente desactualizados? É unha tomadura de cabelo, unha falta de respeto tanto ás persoas que representan aos funcionarios e funcionarias como a estes últimos directamente.

Inconcreción das alegacións

A segunda excusa do director de función pública para xustificar o seu don Tancredismo de cinco anos, foi que as alegacións que presentamos eran, en xeral, inconcretas. Evidentemente non compartimos a súa crítica que tomamos, outra vez, como unha xustificación a cinco anos de inmobilismo.

A CIG presentou un documento de alegacións de 12 páxinas no que recolliamos numerosos aspectos que se deberían corrixir. Non pode atacarnos con que non concretamos a redución de temas, pois podemos amosarlle numerosos e moi elaborados documentos nos que aportamos modificacións de temarios sen que se recollera nin unha soa das nosas propostas. Se Función Pública quere negociar e chegar a un entendemento, aquí estamos; se buscan foto e responsabilizarnos a nosoutros, non contan connosco.

Xenerosos por negociar sen obriga

Con caracter previo á discusión da promoción interna na Mesa Xeral, o director de función pública quixo lembrarnos o bos que son, que ata negocian o que non teñen obriga de negociar. Argumento no Estatuto Básico do Empregado Público que exceptúa da negociación colectiva "a regulación e determinación concreta [..] dos sistemas, criterios, órganos e procedementos de acceso ao emprego público e á promoción profesional".

Ten que ser patolóxico tratar de vendernos como un favor o feito de que "negocien" a materia que non están obrigados a negociar, e en cambio non negocien o que si están obrigados a negociar.

Dándolle a volta ao argumento da Administración, para as organizacións sindicais e para os traballadores e traballadoras sería moito máis interesante (e acorde coa letra e o espírito do EBEP) que o que negociásemos non fosen as epígrafes dos temas, senón os criterios xerais. Sería moito máis positivo que existise un acordo con vocación de permanencia onde se recollesen cuestións como a periodicidade mínima dos procesos selectivos, normas xerais sobre o tipo de probas e contidos de temarios por grupos, e sobre a puntuación de elementos como a antigüidade e o grao, a posibilidade de mobilidade e de promoción sen cambio de posto, a promoción cruzada... Sería moito máis interesante que o actual sistema de negociación, que non garante unha minima estabilidade e previsión, nin no tipo de probas, nin nos temarios, nin nada.

Si, ten que ser algo patolóxico vendernos o bos que son, cando o que nos deixan "negociar" de xeito tan altruísta son eses atropellos ao sentido común que son estas convocatorias de promoción interna, e en cambio non teñen nin tiveron nunca intención de negociar un acordo regulador sobre criterios da promoción interna, que é o que prevé o EBEP que deberían facer e non fan.

É algo básico que a Administración ten a obriga de negociar (esto é, tratar asuntos con concesións mutuas procurando a mellor solución), e facelo de boa fe. Pero esa teima, que non é nova, concrétase en que eles teñen que negociar o que toca das disposicións de carácter xeral, os criterios, etc, pero logo a concreción ou os casos singulares non serían materias de negociación. Á CIG serviríalle perfectamente fixar ese marco negociado no que se reflectiran as liñas básicas dos procesos, pero é que nin sequera fan iso.

Ese argumento de que non teñen a obriga de negociar é a desculpa dun modo chulesco de xestionar a Función Pública, impoñendo sempre, sen escoitar, nin a nós como organizacions sindicais, nin aos funcionarios e funcionarias que nos transmitiron as súas alegacións. E ao mesmo tempo esa prepotencia é o refuxio da súa indolencia, xa que levan cinco anos sen convocar, adian o tempo que lles da a gaña e teñen todo paralizado.

Salvando as distancias, a situación é parecida ao relato haxiográfico co que nos están a bombardear co recente pasamento dunha famosa latifundista: "Que boa era a duquesa cos pobres que ela mesma creaba!".