O día 21 de maio as catro organizacións sindicais CIG, CCOO, UGT e CSIF, presentes na Mesa Xeral de Empregados Públicos e na Mesa Sectorial de Funcionarios/as da Xunta de Galicia manifestaron publicamente o seu rexeitamento ao novo modelo de promoción interna proposto pola Dirección Xeral de Función Pública, remitiron un escrito á Consellería de Facenda solicitando unha volta ao modelo utilizado nas últimas convocatorias e propuxeron a apertura dun proceso de negociación dun sistema de promoción interna real.

Así mesmo, as Xuntas de Persoal dos servizos periféricos e centrais da Xunta de Galicia, enviaron comunicados de apoio, expresando o seu rexeitamento co documento proposto pola Administración e requirindo a súa reformulación. 

O día 4 de xuño, despois da celebración do Consello da Xunta, os representantes das organizacións sindicais CIG, CCOO, UGT e CSIF, interpelaron ao Presidente a Xunta de Galicia para que atendera as propostas sindicais de negociar unha promoción interna real, partindo do modelo do ano 2008.

Consecuencia da presión sindical, a Dirección Xeral da Función Pública, retirou da orde do día da xuntanza da Comisión de Persoal, celebrada o día 5 de xuño, o punto referido a aprobación das bases da promoción interna, e comprometeuse a abrir un novo proceso negociador, coa intención de achegar posicións aos requirimentos realizados polas catro organizacións sindicais.

As organizacións sindicais CIG, CCOO, UGT e CSIF, valoramos positivamente este cambio e agardamos que desta volta se acorden unha bases para a promoción interna do persoal funcionario da Xunta de Galicia, sobre a base do consenso e tendo en conta que se trata de facilitar a carreira profesional do persoal que xa forma parte da Administración, e non de establecer unha carreira chea de obstáculos.

Por último CIG, CCOO, UGT e CSIF, acordamos organizar unha asemblea de delegados/as funcionarios, en San Caetano, pendente de concretar a data, a que están chamados todos os funcionarios/as que poidan asistir, para informar sobre o desenvolvemento da negociación e/ou para concretar as medidas a adoptar en caso de que non se chegue a un acordo.