O martes 16 aprobáronse na Comisión de persoal as bases das convocatorias dos procesos selectivos dos grupos A1, A2, C1 e C2 co voto en contra de todas as organizacións sindicais.

A CIG denunciou o por qué do endurecemento das bases, e o papel que xoga un grupo de subdirectores/as xerais e xefes/as de servizo, constituídos en asociación e que velan por manter o seu status de casta e bloquear o acceso do resto dos empregados/as públicos/as, influíndo directamente nas políticas de persoal, por ser parte deles á vez os representantes da Administración nas negociacións.

O Director Xeral de Función Pública, despois de asumir persoalmente o actuar dos seus subordinados, ameazou ás organizacións sindicais presentes con emprender accións contra nós pola vía penal. Nun discurso lamentable falando de que nos anos 30 tamén houbo persecución de funcionarios (esquecemos lembralle a Alexandre Bóveda, funcionario de Facenda asasinado en Poio), trata de facer ver que isto é acoso aos "seus" funcionarios, cando do que se trata realmente é de denunciar que el e o conselleiro son os responsables de asumir unha política de persoal deseñada pola casta dos/as subdirectores/as "pata negra" e que perxudica a todos/as os funcionarios.

E que non é moralmente compatible ser Administración e ser á vez parte implicada en alegar procesos selectivos.

Por outra banda, as alegacións "secretas" deste lobby, non se van facer públicas, porque segundo informa o Director Xeral, "non forman parte do expediente".

Xuntamos os arquivos coas bases. As únicas modificacións que non se recollen no texto son as seguintes:

Proceso selectivo para o ingreso no corpo superior de Administración da Xunta de Galicia, subgrupo A1:

- Base II.1.2 Primeiro exercicio

O cuestionario recaerá sobre normas legais en lugar de sobre temas. A relación de normas será coincidente coa que constitúe o obxecto do segundo exercicio (caso práctico).

Exclúense da relación de normas as dúas seguintes:

  • Real decreto 429/1993, do 26 de marzo. Regulamento dos procedementos das administracións públicas en materia de responsabilidade patrimonial: capítulos I a V.
  • Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto. Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora: capítulo I a V.

-  Base II.1.3. Segundo exercicio.

Exclúense da relación de normas sobre as que versará o caso práctico as dúas seguintes:

  • Real decreto 429/1993, do 26 de marzo. Regulamento dos procedementos das administracións públicas en materia de responsabilidade patrimonial: capítulos I a V.
  • Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto. Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora: capítulo I a V.

Proceso selectivo para o ingreso no corpo superior de Administración da Xunta de Galicia, subgrupo C1:

-  Base II.1.2. Primeiro exercicio.

Exclúese da relación de normas  sobre as que versará o cuestionario:

  • Decreto198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia.

-  Base II.1.3. Segundo exercicio.

Exclúese da relación de normas  sobre as que versará o caso práctico:

  • Decreto198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia.
Subgrupo Prazas
A1 50
A2 40
C1 80
C2 150

Descargar bases aprobadas (sen as modificacións aquí relatadas).