A Comisión de Persoal do 6/3/2019 aprobou o Decreto de mobildiade, o decreto que vai regular a mobilidade do persoal da Xunta de Galicia e dos entes instrumentais. Trátase dun decreto marco que dá as pinceladas básicas para os concursos, e que terán unha concreción maior nas convocatorias propias.

CONCURSOS: Trata de alixeirar a carga de baremación; dividida en méritos necesarios (antigüidade, galego, traballo desenvolvido) e méritos optativos (carreira profesional, formación, titulación, reunificación familiar). A esixencia que fixemos da convocatoria regular queda nun pequeno brinde posibilista "procedementos abertos e permanentes" pero sen datas concretas. Seguen permitindo renunciar antes da toma de posesión se consigues outro posto (apalancamento coas Lds).
As resolucións "deberán facerse no prazo de 6 meses", nada de obligacións. Tal como está a cousa hoxe en día case sona a cachondeo (anos de espera en todos os corpos).

CONCURSO ESPECÍFICO: Nova modalidade e verdadeiro motivo deste Decreto; regula a provisión dos postos CE nas RPTs, que son basicamente os de xefatura de servizo, direccións de centros externos e habilitacións. Consta dunha baremación de méritos (mínimo 55%) e baremación de capacidades a través de probas, test, memorias ou entrevistas. As organizacións sindicais non están presentes na Comisión de Valoración. Cada cinco anos voltarase a valorar ao persoal para poder continuar ou cesar.

LIBRE DESIGNACIÓN: Reservada para os postos de Subdirección e superiores. Aclaran que van facer fincapé de que os nomeamentos previos en Comisión de Servizos para prazas en LD non superen a marxe legal de 6 meses (cousa que incumpren con regularidade).

COMISIÓN DE SERVIZOS: É neste eido onde se ve a verdadeira vocación da Administración (que o importante non cambie). Non se toca en absoluto, seguiremos tendo comisións eternas, pois valida a posibilidade de superar os dous anos en varios casos e, a maiores, non garante para nada a concesión pública, baremada e transparente.

PERMUTAS: Regulaas pero só entre persoal funcionario de carreira, non queren saber nada das permutas entre persoal interino como fai ensino.

OUTROS: Regula tamén a adscrición provisional noutras AAPP, por motivos de saúde, traslados por violencia de xénero.