O mércores 22 de xaneiro participamos na Mesa Xeral de Negociación na que tratamos as convocatorias dos procesos de funcionarización do persoal laboral fixo da Xunta de Galiza. Informa o director de Función Pública o seguinte:

Buzón de postos: retiran algúns postos soltos e din que van saír categorías completas. O que convocan agora son unicamente as categorías previstas nas OEP de 2018 e 2019, excluíndo as vacantes producidas (fala de 317 vacantes por xubilación e falecemento no 2019, e 305 no 2018, das que aproximadamente as 4/5 serían laborais fixos). O venres 24 teremos unha xuntanza para revisar o listado de postos.

A CIG insiste na necesidade de que saian todas as prazas daquelas categorías que se convoquen. Porque de non facelo, haberá problemas cos futuros concursos de traslados: ou ben non se convocarán ata que estea todo o mundo funcionarizado, ou se se convocan, poderán participar uns si e outros non. Como mellor solución: que se convoque un concurso de traslados previo á funcionarización.

Aceptan modificar a redacción para deixar claro que o vínculo laboral se extingue unicamente na praza dende na que te funcionarizas (non nas que esteas en excedencia).

Non se requiren 2 anos para presentarse a funcionarización.

Vai estudar que facer no caso de persoal que está en excedencia no posto aprobado e ocupa outra como interino/a ou persoal laboral temporal.

Van actualizar a batería de preguntas nos temas relacionados coa administración dixital.

O director xeral négase a dar resposta a petición da CIG de concurso de traslados previo e negociacion de Acordo laboral e salarial para saber cales van ser as condicións antes de decidir presentarse a funcionarización, pois tal e como está deseñado, a xente vai ter que presentarse a cegas, sen coñecer como vai quedar. Solicitamos que, como mínimo, Función Pública edite algún tipo de guía sobre as condicións da funcionarización.