Publicadas no DOG do venres 31/01/2020 as convocatorias dos procesos selectivos por promoción interna aos diferentes subgrupos de corpos xerais:

Estas convocatorias son un bo exemplo dos bandazos que estivo a dar a Dirección Xeral de Función Pública en complicidade con CCOO e UGT, afirmación que se pode verificar a nada que se comparen entre si os diferentes procesos selectivos convocados nos últimos 12 meses.

A promoción interna de A1 e A2 ten dous exercicios (máis a proba de galego): para A1 será un test que inclúe suposto práctico e un exercicio de desenvolvemento de tema, e para A2 un test e un suposto práctico test. En comparación, tanto os de A1 como A2 de libre doutras escalas diferentes de corpos xerais (por exemplo escalas de servizos sociais), van ter un unico exercicio, e en ningún caso vai haber exercicio de desenvolvemento de tema. Por esta razón a CIG votou en contra das convocatorias de A1 e A2, mentres que CCOO e UGT votaron a favor. Resulta evidente que a Xunta (con CCOO e UGT) non quere moito ao persoal funcionario de carreira que quere promocionar.

No caso de C1, non podemos afirmar que as bases son malas, ainda que hai cousas que non nos gustan. A convocatoria foi aprobada co voto favorable de CCOO e UGT, a abstención de CIG e o voto en contra do CSIF.

A promoción interna a C2 ten un problema co número de prazas: non nos saen as contas da porcentaxe de prazas respecto á oferta libre (do total de oferta a C2, ten que ser como mínimo o 25% para promoción interna). Entende a CIG que faltarían 80 prazas de promoción interna a C2, polo que esta convocatoria incumpriría a lei. Por esta razón a CIG votou en contra, igual que CSIF, mentres que CCOO e UGT, unha vez máis, votaron a favor.