Nota: para promoción interna de corpos xerais, da OEP-2019 (publicada no DOG do 31/01/2020), ir a esta outra nova.

Na xuntanza que tivemos co director de Función Pública o xoves 30 de xaneiro, falamos dos procesos selectivos de promoción interna e acceso libre que están en marcha, a promoción interna de corpos xerais pendentes de publicar, e en especial das bases das convocatorias da escala de persoal veterinario e a súa equivalente de persoal laboral. A esta xuntanza asistimos os sindicatos con representación na Mesa Xeral (CIG, CCOO, CSIF e UGT).

Escala de veterinarios/as e proceso extraordinario de consolidación de persoal laboral veterinario

Comunica o DXFP que:

  • Tanto para o proceso de funcionarios como de laborais, vai ser un único exercicio test, seguindo o mesmo modelo que na convocatoria de biólogos/as.
  • Modifican a puntuación de experiencia na convocatoria de consolidación de persoal laboral: a experiencia na categoría (II.2.1) pasa de 0,20 ptos/mes a 0,10. A experiencia en calquer corpo-grupo-escala-categoría (II.2.2) pasa de 0,10 a 0,05 ptos/mes. Na convocatoria de persoal funcionario non tocan este baremo.
  • Cambios en temario (nas dúas convocatorias): Parte xeral: Suprimen Lei de patrimonio da Comunidade Autónoma. T2 (específica): Lei 33/2011, entra só título preliminar e I. T9: eliminan no final “e os regulamentos que o desenvolven”. T16: eliminan anexos I e V do RD 140/2003. T33. Eliminado por repetido.T49. Eliminan “Regulamento 1924/2006. T51. Do Regulamento 1124/2009 entra só disposicións xerais, principios xerais e control de comercialización.

Na CIG estamos fartos dos bandazos que continúa a dar a Xunta (con CCOO e UGT), mudando continuamento os tipos de exercicios: ata ese día a fase de oposición era de dous exercicios, e anuncian que pasa a ser un único exercicio tipo test (seguindo o modelo de biólogos/as). Non seremos nosoutros quenes critiquemos que se retiren as probas subxectivas, como son as de desenvolvemento de temas. O que reclamamos é que se pacte un modelo, e que este se manteña para todos os procesos, polo menos un tempo. Rexeitamos andar con cambios segundo o caso.

Xa postos, queremos que dean o mesmo trato ao persoal funcionario de promoción interna de A1 e A2, que van ter dous exercicios, sendo o segundo de A1 tipo desenvolvemento de tema, o mesmo que ocorre en A1 e A2 de libre de corpos xerais. 

Promoción interna corpos xerais en execución (OEP-2017)

  • A1: pendentes da nota do último exame (publicarán entre esta semana e a seguinte).
  • A1 e C2: hai menos persoas aprobadas que prazas. Todos os que aproben os exames están dentro (unha obviedade que non aclara moito).
  • A2 e C1: tentarán publicar o concurso a semana que ven.

Comprométese a que en todo caso as persoas saberán se aprobaron ou non antes de finalizar o prazo da inscripción da promoción interna da OEP-2019.

Procesos selectivos de acceso libre convocados

Asegura o DXFP que en 3-5 semanas estarán publicadas as listas de admitidos/excluidos de TODAS as oposicións que teñen xa rematado o prazo.

Dos que estean pendentes de toma de pose xa se falará cando estean rematados, pero anuncia que con carácter xeral van ser destinos provisionais.