No DOG núm. 48 Mércores do 11 de marzo de 2020 publícase a RESOLUCIÓN a convocatoria de actividades formativas en liña de apoio á preparación das probas selectivas para o acceso, pola quenda de promoción interna, a diversos corpos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

Ofertan catro actividades formativas dirixidas, cada unha delas, a apoiar a preparación das probas selectivas para o acceso, pola quenda de promoción interna, aos corpos superior, subgrupo A1; de xestión, subgrupo A2; administrativo, subgrupo C1; e auxiliar, subgrupo C2 da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, que deberán desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo.

Pode participar unicamente o persoal empregado público que teña solicitado participar nas probas selectivas convocadas para o acceso aos corpos indicados na base primeira pola quenda de promoción interna e que reúna os requisitos establecidos nesta convocatoria.

A inscrición para o acceso aos contidos pode facerse no prazo de sete días contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Formulario de matrícula dispoñible no enderezo https://egap.xunta.gal/matricula

Será seleccionado para participar nas actividades convocadas mediante esta resolución todo o persoal empregado público que teña solicitado a participación nas probas selectivas para o acceso aos corpos indicados na base primeira desta resolución. Esta relación será contrastada coa información que facilite a Dirección Xeral da Función Pública.