A Escola Galega da Administración Pública (EGAP) vén de poñer en marcha recentemente os cursos de preparación da promoción interna dos corpos xerais da Administración xeral a través de medios propios.  Esta é unha demanda histórica da CIG que por fin ve a luz.

Pero non estamos totalmente satisfeitos/as porque somos coñecedores/as de que os temarios e material non van ser integramente publicados en galego; pois sabemos que a lexislación estatal cuxa versión consolidada estea en castelán así vai ser impartida e subministrada polas persoas que actúan de titoras e docentes.

Temos que dicir antes de nada que a EGAP, como organismo autónomo da Xunta de Galiza, está afectada polo Estatuto de Autonomía que obriga a todas as AAPP a promocionar especialmente a lingua propia de Galiza; pero amáis disto é que a propia EGAP ten un mandato específico para iso.  Así tanto na propia Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da EGAP (art 3.5, DOG núm. 103, do 2 de xuño de 1987), como no seu Regulamento de organizacióne funcionamento (art. 2.1., Decreto 306/1990, do 24 de maio, DOG de 12 de xuño de 1990) establecen como fins da EGAP:

2.1 l)  A difusión e normalización do idioma galego na Administración Pública, a capacitación lingüística do persoal e a participación na fixación de linguaxe técnica, administrativa e xurídica galega

É por iso que vimos de enviar un escrito solicitando que se aplique a normativa de funcionamento da Escola no tocante ao fornecemento e tradución de toda a lexislación dos cursos de preparación de promoción interna no idioma galego.

Para iso poderían subscribirse acordos ou convenios con outros órganos da Administración que teñen competencia na lingua como son a Secretaría Xeral de Política Lingüística ou o servizo de Tradución da Consellería de Presidencia.