O mércores 30 de setembro participamos nunha xuntanza co director xeral de Función Pública e co resto de OOSS presentes na Mesa Xeral (CIG, CCOO, CSIF e UGT) na que se trataron varios asuntos.

Eleccións de destino:

O día 6 de outubro publicarase no DOG a resolución de elección de destino provisional de finanzas-A1 (P.I.), C1-xeral (P.I.), veterinarios/as e destino definitivo de Arqueólogos/as. Será por primeira vez a través dun proceso telemático. Entre os días 7, 8 e 9 de outubro o persoal afectado recibirá un usuario e contrasinal para acceder á aplicación. De seguido, iniciarase outro prazo para proceder á elección de postos. Será necesario contar con certificado dixital da FNMT ou Camerfirma ou dni electrónico.

Comenta o director xeral que a posibilidade de solicitar excedencia no medio do proceso de elección de destino xa está incluída na resolución de elección de destino telemática.

A elección de destino provisional con carácter voluntario non o vén factible. Alega o director xeral de Función Pública que xeraría diferencias nos cómputos da antigüidade do persoal afectado.

Con posterioridade á toma de posesión provisional, resolveríase o concurso de traslados (non foron quen de concretar unha data para isto). En canto ao conflito de dereitos das persoas que participaron na PI e no concurso de traslados plantexada pola CIG, manifestan que cando teñan a resolución do concurso saberán aquelas persoas que aprobaron a PI e que obteñen unha praza no concurso diferente á que tiñan. Achegarannos unha proposta para valoración e están abertos a calquera outra proposta que se plantexe e que xurídica e tecnicamente poida facerse.

Esa proposta consiste en que o persoal está obrigado a tomar posesión na praza do corpo inferior e pasaría a excedencia no subgrupo correspondente. Farán cadrar os prazos da elección de destino con carácter definitivo de todo este persoal coa toma de posesión do concurso, tal e como din se fixo hai anos no concurso de traslados de veterinarios.

Procesos selectivos:

A finais desta semana ou na vindeira continuarán coas resolucións pendentes dos procesos selectivos dos subgrupos A1-PI, A2-PI e C2-PI da OEP 2017.

Tras os procesos de funcionarización previstos para os días 3 e 4 de outubro continuarán cos procesos selectivos xa iniciados e cun exame realizado e que afirman son procesos de non máis de 26 aspirantes en cada proceso. 

Non hai datas concretas para o resto de procesos selectivos, pero teñen intención de a partir de novembro continuar coa OEP Social e coas escalas de Admón. Xeral tanto en PI como libre-estabilización-consolidación. Comprometéronse a comunicar ás organización sindicais as datas de exames cun mínimo dun mes de antelación. Están valorando diversas opcións, entre as que estaría a celebración de procesos selectivos en distintas localidades. 

A realización dos procesos selectivos estaría sempre sometida aos criterios ditados en cada momento polas autoridades sanitarias.

Teletraballo:

Na semana que vén enviarán un borrador de orde para alegacións e sobre unha semana despois convocarán unha xuntanza na que poden avanzar tamén algunha nova sobre procesos selectivos.

Fondo de Acción Social: 

O día 8 van publicar no DOG a baremación provisional.

Uso de máscaras:

A estes efectos informan que van seguir os criterios de Sanidade e Saúde Pública publicados na web do Sergas. Consideran aos edificios administrativos como espazo de uso privado. Manifestamos a nosa disconformidade con ese criterio pois nos edificios administrativos hai moitos servizos de atención ao público. Lembráronselle as resolucións da Inspección de Traballo que obrigan á empresa a facilitar as máscaras aos seus traballadores/as.