Despois de insistir en que para o acto de elección de destino das persoas que promocionan ao corpo administrativo (subgrupo C1) se inclúan todas as vacantes ou polo menos que nos dean razón do criterio empregado para incluír uns postos e outros non, volvemos a ter un asunto similar, pero aínda máis rocambolesco para o caso do persoal veterinario.

A CIG ven de poñerse en contacto con Función Pública para que nos explique por que se retiran dous postos da relación de postos para o acto de elección de destino de persoal veterinario.

Segundo Función Pública os postos que se ofertan son os ocupados pola xente que aprobou máis unha serie de vacantes puras (non ocupadas por persoal interino).

Pois ben, a CIG ten coñecemento de que polo menos 11 das que se ofertan inicialmente (9 se descontamos as que se retiraron anunciadas no DOG de hoxe), están ocupadas por persoal interino.

O noso criterio sempre foi o de que teñen que saír todas as vacantes, tal e como solicitamos en todos os procesos. Se a Administración pretende impoñer outros criterios ten que explicalos e teñen que ser criterios obxectivos.

Parece que incluír uns postos e outros non obedece máis que á política que seguiron sempre Medio Rural e Sanidade de salvar a unhas persoas e condenar a outras, non sabemos se por afinidade de algún tipo ou por que. O certo é que esas decisións prexudican primeiro, a todas as persoas que superaron o proceso selectivo e segundo a aquelas persoas interinas que ven que os postos que ocupan saen a elección de destino mentres outros de similares características non. Restricións de dereitos para uns e agravio comparativo para outros.

Volvemos insistir que o criterio máis xusto é que saian absolutamente todos os postos vacantes.