Con dez meses de restraso dende a súa negociación e aprobación, a Consellería de Facenda publica no DOG do venres 11 de decembro as convocatorias dos procesos selectivos seguintes:

  • Acceso libre e promoción interna na escala de veterinarios/as, subgrupo A1. Ir a DOG.
  • Proceso selectivo extraordinario de consolidación á categoría I-005, titulado/a superior veterinario/a de persoal laboral. Ir a DOG.

Estas convocatorias, que recollen as prazas ofertadas nos anos 2017, 2018 e 2019, foron negociadas a finais do 2019 e comezos do 2020, e aprobadas finalmente na Comisión de Persoal do 4 de febreiro de 2020. Tiveron que pasar dez meses ata ver a súa publicación no DOG. 

Estes ritmos non son lóxicos, pero nesta Administración acaban sendo os normais. Así se entende que as últimas veterinarias e veterinarios nomeados, DOG do 6/11/2020 (fai pouco máis dun mes), corresponden á Oferta de Emprego Público do ano 2015 (DOG 10/03/2015). Vamos, cinco anos e medio de nada despois.

Por medio houbo un conato de concurso de traslados. O borrador enviáronolo ainda co turrón na boca, o 08/01/2020. Uns días despois enviamos as nosas alegacións. E punto final, nunca máis se soubo, nin xuntanzas, nin mesas de negociación, nin nada. O que obrigou a que os anteriores nomeamentos referidos (da OEP-2015), tiveron que darlles destino provisional, non definitivo.

Esiximos ao director xeral de Función Pública e ao conselleiro de Facenda, que retomen a negociación e convocatoria do concurso de traslados.

Nota final: tarde e mal, pois a convocatoria do proceso de consolidación ten erros na relación de prazas ofertadas.