Unha vez desconvocada a folga do persoal técnico, as persoas responsábeis políticas da consellería negocian cunha asociación o que deben tratar coas organizacións sindicais.

Logo de ter faltado ao seu compromiso de ter negociado as condicións laborais do seu persoal técnico antes do 31 de decembro para que fora desconvocada a folga, agora pretenden ignorar á representación legal do persoal inciando conversas cunha asociación profesional que non ten capacidade negociadora.

A actitude da consellaría do Medio Rural é absolutamente contraria ás regras de funcionamento do sistema democrático. Trasmítelle á asociación profesional a proposta de iniciar negociacións sabendo que a única representación legal son as persoas que forman parte das Xuntas de Persoal, elixidas polos compañeiros e compañeiras nas eleccións sindicais, xunto coas organizacións ás que estes/as representantes pertencen e o Comité de Folga. 

A consellería sábeo, así que non van de cara: “negociamos coa asociación profesional, pero cando teñamos todo acordado pasámolo polas mesas formais de negociación para branquear o acordo e darlle legalidade”. Que gañan con esto? Se cadra, conseguen presionar aos traballadores e traballadoras e de paso paralizan a acción e a loita sindical neste conflito. Non é a primeira vez que esto pasa, é de manual, e na CIG non imos picar.  Non aceptamos este xogo e non imos aceptar malos acordos que deixen unha folga digna en papel mollado.  

Señor conselleiro do Medio Rural, deixe de facer trampas na negociación colectiva e actúe con talante democrático: cumpra os compromisos aos que chega, respeite ao seu persoal técnico e convoque ás organizacións sindicais representativas do persoal da súa consellaría para negociar as súas condicións laborais.