O pasado 13 de abril, realizouse o exame alternativo do proceso selectivo de Terapia Ocupacional para as persoas aspirantes que por Covid non puideron realizar o exame o 14 de marzo. O día 20 do mesmo mes foi o exame da escala de Psicoloxía das persoas que non puideron facer o primeiro polo mesmo moitivo.

No exame de Terapia Ocupacional hai polo menos entre 6 e 10 preguntas que foron repetidas do exame ordinario, tanto no enunciado como nas respostas. No de Psicoloxía ao redor de 9 preguntas repetidas. Modificar lixeiramente o enunciado ou cambiar a letra da resposta correcta non constitúe un elemento substancial para considerar que a pregunta é diferente.

Isto constitúe unha vulneración do principio de igualdade. A ninguén se lle escapa que repetir preguntas implica unha vantaxe para as persoas opositoras que asistiron á segunda quenda.

Por todo isto poñemos en coñecemento da Dirección Xeral de Función Pública unha solución:

1. Os tribunais deben anular esas preguntas.

2. Os tribunais deben dimitir ou ser cesados por ser manifestamente incompetente.

Non se trata dunha cuestión técnica se non da vulneración dos principios máis elementais que deben rexer un proceso selectivo. Se o tribunal é incapaz de asumir isto debe dimitir ou ser cesado por Función Pública.

Non se pode entender que nun exame cunha materia tan extensa o tribunal non atopase miles de preguntas diferentes para exames non coincidentes nas datas.