No DOG do venres 16 de xullo publicouse a Resolución pola que se fan públicas as puntuacións provisionais do concurso de traslados de corpos xerais. Esta publicación abre o prazo de renuncia ao concurso e produciu unha sorpresa en moita xente: aparecen con cero puntos de méritos.

Comezamos lembrando que as persoas interesadas poden formular reclamación contra as publicacións provisionais no prazo de 10 días hábiles contados dende o seguinte ao da publicación desa Resolución no DOG. No web de Función Pública tes o formulario de reclamación (debe presentarse electrónicamente).

Renunciar a participar no concurso

As bases da convocatoria do concurso (DOG 27/11/2019) indican (base III.6) que as solicitudes de participación vinculan ás persoas solicitantes, pero permite renunciar ata os dez días seguintes ao da publicación das puntuacións provisionais no DOG. Por tanto, se polas razóns que sexa, estás interesado/a a renunciar a participar no concurso, estás en prazo.

Admitido/a con cero puntos de méritos

Son moitísimas as compañeiras e compañeiros que nos explican que están admitidos/as pero con “0” puntos de méritos e por tanto están fora do concurso, e queren reclamar.

A causa desa situación está nun incumprimento do procedemento marcado polas bases:

  • Quen estivese conforme cos méritos propostos por Función Pública, tiña que validalos e presentar un impreso.
  • Quen non estivese conforme cos referidos méritos, tiña que emendalos, xerar un impreso, e presentar por rexistro unha certificación que xeraban nos departamentos de persoal.

Non ter cumprido ese trámite non é un erro subsanable, senon que é o incumprimento das bases. Este punto xa o consultamos coa nosa asesoría xurídica cando o concurso de traslados de gardacostas, no que pasou o mesmo. Ainda así, o dereito a reclamar está na túa man.

Esta instrución xa constaba nas bases. Tamén volveu a sair no DOG do 26/06/20 (apertura do período de presentación de solicitudes de postos e de xustificación de méritos). Esa información publicámola no noso web ese mesmo día. 

Este procedemento xa foi así no concurso de corpos xerais anterior ao actual. E tamén foi así no concurso de gardacostas. E unha vez máis está a producir a exclusión de moitos compañeiros e compañeiras. Ata a propia Función Pública recuou, e no concurso de escalas de finanzas aprobado na Comisión de Persoal do 16/06/2021, xa non é necesario facer nada en caso de conformidade cos méritos (pero chega tarde para quen está afectado agora). 

Traballo desenvolvido en comisión de servizos

Este asunto foi un dos puntos conflitivos durante a negociación, pois a CIG non acepta que se recoñezan méritos obtidos sen existir un criterio obxectivo de selección, como é a figura da comisión de servizos.

Finalmente, a Dirección Xeral de Función Pública publicou unha modificación das bases nas que corrixe a metedura de pata, engadindo esta redacción ás bases: "O traballo desenvolvido na situación de comisión de servizos puntuarase como realizado no posto de orixe da persoa funcionaria".

Ollo. Falamos do traballo desenvolvido. Outra cousa diferente son os méritos específicos.