A CIG vén de rexistrar sendos escritos dirixidos á Dirección Xeral de Función Pública onde pedimos unha rebaremación da fase de concurso dos procesos selectivos para o ingreso, pola quenda de acceso libre e promoción interna, nas especialidades de medicina e terapia ocupacional. Ao tempo, na Comisión de Persoal do 11 de outubro fixemos extensiva esa petición de rebaremación ao resto de procesos selectivos da OEP Social.

No apartado II.2.2.1. das bases deses procesos selectivos disponse como se valorará en ditos procesos a experiencia profesional. Nese apartado recóllese textualmente:

“Experiencia profesional, entendida como os servizos prestados nalgunha das actividades descritas no catálogo de servizos sociais, a que fai referencia o artigo 18 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galiza, en calquera Administración pública...”

En función da área sanitaria o servizo de persoal do SERGAS acreditou ou non que os servizos prestados na mesma pertencen ao catálogo de servizos sociais sin ter un criterio homoxéneo nin unificado. O criterio nalgunha área sanitaria foi acreditalo dese xeito se a persoa interesada así o solicitaba.

Para a CIG isto é un claro erro de interpretación das bases da convocatoria, xa que os centros do SERGAS son centros sanitarios, non son centros prestadores de Servizos Sociais, polo que non pertencen ao citado catálogo de Servizos Sociais. Non poden ser puntuados consonte o apartado II.2.2.1. senón que lles correspondería ser baremados dacordo ao apartado II.2.2.2. das citadas bases: “Experiencia profesional, entendida como os servizos prestados en calquera Administración pública, como persoal laboral na categoría (...)

Isto supón unha situación moi discriminatoria por varios motivos: en primeiro lugar, persoas que prestan servizos no mesmo organismo (SERGAS) están sendo baremadas de maneira distinta en función da área sanitaria, e en segundo lugar, as persoas que si prestan servizos dentro do catálogo de servizos sociais vense perxudicadas por ese erro de baremación. Pode suceder que no prazo de presentación de reclamacións as persoas que saen beneficiadas por este erro non realicen ningunha reclamación, polo que o baremo definitivo estaría errado.

Cumpre lembrar que estas diferenzas de puntuación entre prestar servizos no Sergas ou noutras administracións públicas tamén se dan nas bases dos procesos selectivos convocados polo SERGAS, puntuándose tamén dobre a experiencia neste organismo fronte a outras administracións públicas, como a Xunta.

Esta situación estase a producir tamén noutros procesos selectivos da chamada OEP Social, polo que na Comisión de Persoal do 11 de outubro a CIG esixíullea Función Pública que se fixera unha revisión completa da valoración de méritos da fase de concurso dos procesos selectivos derivados da OEP Social onde se estaban a facer polo SERGAS esas certificacións erradas.

Ante a insistencia da CIG conseguimos arrancar de Función Pública o compromiso de convocarnos a unha sorte de "gabinete de crise" para valorar a situación en aras de buscar unha solución á desfeita provocada polo SERGAS.

Para a CIG a única solución pasa por facer unha rebaremación completa respectando o estipulado nas convocatorias dos procesos selectivos para non xerar inxustizas nin discriminacións entre as persoas participantes neses procesos selectivos, que se revisen tódalas certificacións emitidas, que non se puntúe do mesmo xeito o tempo traballado no SERGAS que na Xunta e que, en definitiva, non se xogue co posto de traballo nin o destino de moitos compañeiras/os.