Función Pública decide tirar para adiante co máis recente (OEP-2022), e deixa na neveira o máis atrasado, incluíndo a promoción interna e acceso libre das OEP do 2020 e 2021

A Comisión de Persoal do martes 4 de xullo aprobou as convocatorias dos procesos selectivos ás seguintes escalas de persoal funcionario: orientación laboral (subgrupos A1 e A2), inspección turística (A2), condución (C1), sistemas e tecnoloxía da información (A1), letrados (A1), estatística (A1).

A maioría destes 7 procesos correspóndense coa Oferta de Emprego Público (OEP) do ano 2022. Está ben que os movan, pero .. temos pendentes outros procesos da OEP do 2020 e do 2021 que habería que convocar antes. Dos que van neste lote, queremos destacar as presas que teñen cos seguintes:

  • Convocatoria de sistemas e tecnoloxía da información (A1). Son 16 prazas, da OEP do 2022, que convocan agora cando están pendentes de convocar outras 8 prazas de promoción interna da OEP anterior (do 2021).

  • Convocatoria de orientación laboral. Estas escalas de A1 e A2 son novas, vai ser a primeira vez que se convoquen. Foron cubertas interinamente por primeira vez en febreiro deste mesmo ano 2023, e se corresponden coa OEP do ano 2022. Por tanto, en comparación a outras prazas de anos anteriores, estas son as que menos presa teñen en ser convocadas, e van ir de primeiras.

A CIG solicitou a retirada da proposta de convocar procesos da Oferta de 2022, e nos centrásemos en convocar o máis atrasado, entre o que está a promoción interna separada pendente do 2020 e 2021. Por facer unha relación rápida, van unhas notas do pendente do 2020:

  • De promoción interna: corpo superior, corpo de xestión, corpo administrativo, corpo auxiliar.

  • De acceso libre: delineantes, axentes técnicos en xestión ambiental, recursos naturais e forestais, mantemento de servizos, análise de laboratorio, PSX, auxiliar de arquivos, limpeza e cociña.

Estas convocatorias deste lote teñen en común as seguintes características:

  • Acceso mediante oposición (a CIG defendeu o concurso-oposición). A última hora, o director de Función Pública acepta cambiar a concurso-oposición o proceso de turismo.

  • Promoción interna:
    • Vai ser do 25% da oferta, conxunta coa oferta libre (CIG quere promoción interna separada, co 50%).
    • En letrados van permitir a promoción interna horizontal, dende calquer escala de A1. Isto é algo que a CIG pide sempre, e queremos que o estendan ao resto dos procesos.
    • Nalgunha das convocatorias van permitir a participación do persoal laboral fixo en promoción horizontal dende calquera categoría do grupo equivalente. Queremos que tamén poida participar o persoal funcionario nesa promoción horizontal dende calquera escala.
    • Sen criterio uniforme, nalgunhas convocatorias permiten a promoción horizontal dende calquera escala do subgrupo inferior, e noutras só permiten dende algúnhas escalas. Defendemos que permitan dende todas, sempre con reciprocidade.

  • Os destinos serán provisionais. Para poder dar destino definitivo, queremos negociar TODOS os concursos de traslados, co obxectivo de telos rematados a 31/12/2024.

  • Exercicios:
    • As mesmas partes do programa están a entrar repetidamente en diferentes exercicios. Queremos que os exercicios eliminen materia.
    • Queremos a substitución de temas por test.
    • Nos exercicios que teñen 2 partes, rexeitamos que estas teñan cortes individuais, pois en realidade son exercicios diferentes.
    • Cando haxa 2 exercicios, un test e outro temas, que non puntúen igual, senón o dobre o test sobre temas.
    • Fixan corte no primeiro exercicio. Queremos que tamén o fixen nos sucesivos.

Estas son as convocatorias aprobadas:

A2. TURISMO (7 prazas da OEP-2020, das que 2 son para promoción interna).

Ao longo da negociación, a CIG lembrou que o Decreto 40/2001 establece que o acceso a esta escala será mediante o sistema de concurso-oposición. E finalmente o director xeral de Función Pública (DXFP) acepta o cambio no minuto previo á votación, polo que a CIG solicita a retirada do punto e proceder a discutir a fase de concurso. O DXFP non acepta. Descargar. Voto: CIG en contra, CCOO abstención, CSIF abstención, UGT en contra.

 A1. LETRADOS (10 prazas das OEP de 2020, 2021 e 2022, das que 2 son para promoción interna)

Advertimos en todas as xuntanzas sen éxito que na OEP-2022 reservaba unha praza para persoas con discapacidade. Conformes con permitir a promoción interna horizontal dende calquera A1, e vertical dende calquera A2. Conformes que o tribunal facilite textos legais e xurisprudenciais. Manteñen un modelo inadecuado (OEP-2019, ocupadas 2 de 8 ofertadas). Excesivas probas, excesivos temas, excesivas lecturas. Non hai diferenzas entre libre e promoción interna. Non hai nota de corte. Descargar. Voto: CIG, CCOO e CSIF en contra, UGT abstención.

A1. INFORMÁTICA (16 prazas da OEP de 2022, das que 4 son para promoción interna)

Non aceptan paralizar esta convocatoria ata traer e aprobar primeiro a convocatoria coas 8 prazas de promoción interna pendentes da OEP do 2021. Descargar. Voto: CIG, CCOO, CSIF e UGT en contra.

A1. ESTATÍSTICA (8 prazas da OEP de 2021 e 2022, das que 2 son para promoción interna)

Ten excesivos exercicios, o primeiro con corte en cada unha das dúas partes. Descargar. Voto: CIG, CCOO e CSIF en contra, UGT abstención.

A1. ORIENTACIÓN LABORAL (6 prazas da OEP do 2022, das que 2 son para promoción interna)

Permiten a promoción do persoal laboral fixo de calquera categoría dos grupos I e II, e de calquera escala de A2, pero non outras escalas de A1. Descargar. Voto: os catro sindicatos en contra

A2. ORIENTACIÓN LABORAL (130 prazas da OEP do 2022, das que 32 son para promoción interna)

Permiten a promoción do persoal laboral fixo de calquera categoría dos grupos II e III, e de calquera escala de C1, pero non outras escalas de A2. Descargar. Voto: os catro sindicatos en contra

C1. CONDUCIÓN (20 prazas da OEP de 2022, das que 5 son para promoción interna)

Permiten a promoción do persoal laboral fixo de calquera categoría do grupo III, ao tempo que exclúen ao persoal funcionario doutras escalas de C1 e case todas de C2. Para o desempate, despois de aplicar a infrarrepresentación feminina xa pasamos ao chou da letra do primeiro apelido (non aceptaron desempatar pola puntuación das dúas probas do exercicio). Descargar. Voto: CIG, CCOO, CSIF e UGT en contra.

Segundo a información que nos traslada o DXFP, estas convocatorias serán publicadas no DOG do venres 7 de xullo.