A oferta de emprego público libre de SEAGA ten características “peculiares” tales coma recoñecer na fase de méritos os servizos prestados en empresas privadas ou no libre exercicio da profesión, temarios súper reducidos ou a realización dunha entrevista persoal.

A empresa pública SEAGA (Servizos Agrarios Galegos, S.A.) vai realizar a convocatoria dunha oferta pública de emprego de 58 prazas:
- 11 técnicos/as superiores
- 11 técnicos/as medios/as
- 5 oficiais 2ª administrativo/a
- 31 capataces

Unha empresa pública, cuxo capital é 100% da Xunta de Galiza, que está completamente controlada pola consellería do Medio Rural e que se rexe no sistema de selección de persoal pola Lei do emprego público de Galicia vai adxudicar, na condición de persoal laboral fixo, 11 prazas de técnico/superior e 11 de técnico/a medio/a cun salario anual que vai dos 28.000 aos 40.000 € mediante un sistema selectivo que non garante nin de lonxe os principios de igualdade, mérito e capacidade.

O conselleiro de Medio Rural, en colaboración co director xeral da Función Pública, pretende convocar este proceso selectivo en SEAGA coas seguintes características:

1- Descompoñer a oferta mediante tres sistemas.
- Primeiro, convocando prazas “continuas” (de todo o ano) e prazas descontinuas (de 6, 7 e 9 meses).
- Segundo, asignando as prazas de técnico/a superior e medio/a a 4 áreas diferentes e facendo a convocatoria separada por cada área.
- Terceiro, solicitando até 6 titulacións diferentes para técnico/a superior e 3 para técnico/a medio
A consecuencia deste sistema é que as prazas de técnico/a superior e medio son convocadas practicamente dunha en unha.

2- Establecer un temario para as prazas de técnico/a superior de 10 temas e para as de técnico/a medio de 8 temas.
Hai que ter en conta que esta é unha convocatoria libre. Non se trata dun proceso de estabilización, nin de promoción interna. A modo de comparación... a última convocatoria de prazas da Xunta de Galicia establece 101 temas para o grupo A1 e 70 para o A2, na estabilización extraordinaria da Xunta de Galicia 91 temas para o A1 e 70 temas para o A2 e na última convocatoria de promoción interna do A1 55 temas.

3- Na fase de méritos recoñecer os servizos prestados en empresas privadas ou no exercicio libre da profesión.

4- Introducir como parte do proceso selectivo unha entrevista persoal.