O pasado 27 de xullo tivo lugar unha xuntanza da Mesa Xeral na que se trataron os seguintes asuntos: 1) I Plan de igualdade da Xunta de Galiza; 2) Acordo de integración e carreira profesional do persoal de GAIN. En rogos e preguntas falouse dos concursos de traslados, a integración do Consorcio, dos procesos selectivos en execución e o RD Lei 5/2023.

REMATE DA NEGOCIAICÓN DO I PLAN DE IGUALDADE

O director xeral de Función Pública (DXFP) comezou expoñendo as alegacións que admitiron na derradeira negociación dos documentos do Plan de Igualdade. 

Tratáronse os tres documentos que forman parte do Plan de Igualdade e, o martes día 1 de agosto irán a Comisión de Persoal. Os documentos son os  seguintes: Diagnose do Plan, Protocolo de acoso e outras violencias no traballo e Medidas do Plan de Igualdade para a súa posible aprobación.

Despois da Comisión de Persoal informaremos ampliamente das nosas consideracións e postura respecto do Plan de Igualdade.

ACORDO DE INTEGRACIÓN DO PERSOAL DO GAIN

Ao respecto do GAIN, a CIG rexeita o modo de proceder da Administración con negociación encuberta cun sindicato e excluíndo aos demais (o DXFP di que era meramente informativa), e a entrega da proposta de Acordo tan só 26 horas antes da súa discusión en Mesa. Levaremos este proceder á nosa asesoría xurídica para a súa valoración.

A DXFP explica que vai iniciar a negociación da integración como persoal laboral da Xunta do persoal laboral que estabilice. Esta negociación será antes de rematar a estabilización (segundo semestre do 2023). Rematada a integración, comezará a funcionarización, que finalizaría no primeiro trimestre do 2024. Incluirían as prazas na OEP-2023.

Abrirán a carreira profesional extraordinario en dous meses para quen acepten integrarse e funcionarizarse. Con efectos económicos a 1/1/2023. A CIG rexeitamos que recoñezan o complemento de carreira só para quen acepte a integración e se funcionarice.

No segundo semestre do 2023 negociarase a RPT do persoal de Gain.

ROGOS E PREGUNTAS

Concursos de traslados

Están estudando as alegacións ás bases do concurso de administración especial (rematarían a semana que ven). As bases estarán en setembro e inmediatamente sairán os buzóns de postos. Están traballando no concurso de enxeñarías e, se é posible, algunha escala máis de especial de Politica Social. Negociarémolo en setembro e publicarano en outubro.

A CIG insistiu en demandar a negociación dos concursos de traslados de todos os corpos e escalas, tanto de administración xeral como especial, co obxectivo de que poida estar resolto antes do 31/12/2024. O DXFP tira balóns fora e négase a poñer datas concretas. 

Integración do Consorcio

Preguntamos pola Integración do persoal do Consorcio, ao que o DXFP resposta que "estamos en ello". Di que en setembro traballarán na RPT, e que a funcionarización será posterior.

Procesos selectivos en execución

O 3 outubro tomarán posesión educación social e auxiliares de enfermaría. Tamén publicarán do resto de procesoss (que será en setembro). 

Estabilización: publicarán as listaxes definitivas nas vindeiras semanas. O exame de galego será na primeira quincena de setembro (publicarano no DOG nuns días).

Real Decreto Lei 5/2023

Novos permisos: afirma que dende Función Pública enviaron instrucións internas ás consellerías. Algúns permisos son de aplicación directa. Outros necesitan desenvolvemento regulamentario. Di que o permiso de 8 semanas non é retribuido e que precisa desenvolvemento.

Interpretación do artigo 217 (estabilización): di que eles xa foron previsores e deixaron a OEP aberta para incorporar as prazas que ian quedando vacantes dos procesos que se estan a celebrar.