A última oposición de persoal auxiliar coidador da Xunta de Galiza cun proceso rematado foi no ano 2006, polo que hai un importante número de traballadoras e traballadores que deberán presentarse ao próximo exame do proceso selectivo si queren seguir traballando na administración. A Xunta de Galiza fixou o eximen para o 15 de decembro, así figuraba na web de Función Pública e así se publicou no DOG do 4 de decembro 2023.

Os exames se realizarán no recinto feiral de SILLEDA, e a hora de realización da proba será ás 9.00 da mañá, polo que moitas persoas contratan aloxamento para o día anterior, para non ter que saír tan cedo ás estradas e conducir ás veces un par de horas co problema engadido do estado nervioso ao que imos todos a un exame do que pode depender o noso posto de traballo; outras persoas optan por acudir á proba en grupo, en autobuses contratados para a ocasión, onde poden viaxar sen a presión de conducir tan cedo e durante tanto tempo coa tensión que a ocasión provoca.

Pero, oh!, resulta que os pais e as nais do alumnado con necesidades educativas especiais se decataron de que o venres 15 de decembro os seus fillos e fillas non ían ter nos colexios ás persoas que posibilitan que poidan acceder á súa escolarización, e non lles gustou. Entón protestaron, e enviaron ás súas protestas á administración, e nese momento a administración decatouse de que o persoal auxiliar coidador é imprescindible nos centros de ensino para que o alumnado con necesidades educativas especiais acceda á escolarización.

O día 4 de decembro, tras a publicación no DOG da data e hora do exame de oposición para o persoal auxiliar coidador, a administración autonómica publica unha nota no web cambiando a data do exame para o sábado 16!!!

Non lle preocupa que o seu persoal teña buses ou aloxamentos contratados e que perdan os cartos e cecais a posibilidade de contratar para o día seguinte; tampouco lle preocupaba que o alumnado con necesidades educativas especiais quedara desatendido; o único que lle preocupa a esta administración é que isto saíra na prensa, que os pais e nais foran a denunciar a situación e que alguén se fixera eco do problema.

É que resulta que a administración da Xunta non lle preocupan nen o seu persoal, nen os seus usuarios; si lle preocuparan non permitiría que o persoal estivera traballando cunhas condicións de precariedade como as que teñen, non sobrecargaría as rateos que ela mesma estableceu, porque esta sobrecarga afecta ao persoal e á calidade da atención dos nenos e nenas máis vulnerables. Si lle importara algo non consentiría que ó persoal coidador estea a sofrer a arbitrariedade das direccións dos centros e das inspeccións educativas recibindo ordes de realizar tarefas que non lles corresponden, atendendo alumnado que non necesita realmente a figura do auxiliar coidador pero que “estorba” nas aulas. Non ningunearía a este persoal negándolle a información que necesita a cerca do alumnado para dar unha atención axeitada. Si lle importara algo, non faría un uso da itinerancia movendo ó persoal como a un pelele sen vida particular e enviando a unha persoa, dun día para outro, a máis de 100 km do seu posto de traballo a outro diferente.

Os pais e nais dos alumnos con necesidades educativas especiais tal vez tamén descoñezan que o persoal de atención directa que coida ós seus fillos e ás súas fillas non ten unha formación específica para acceder ós seus postos de traballo porque a Xunta negouse a recoñecer a calidade profesional destas traballadoras e destes traballadores e negouse a outorgarlle a cualificación acorde coas funcións que realizan. É máis, moito deste persoal, curiosamente a maior parte mulleres, vai recibir como pago da administración unha degradación a un grupo profesional máis baixo do que actualmente ocupan si queren acceder a funcionarizarse como o resto do persoal da Xunta.