A Xunta exclúe da promoción interna ao persoal vixiante de arquivos, bibliotecas e museos que superou o proceso de funcionarización á agrupación profesional escala persoal subalterno

Por Resolución do 25/10/21 da comisión de cualificar o proceso para a adquisición da condición de persoal funcionario de carreira da agrupación profesional de persoal funcionario polo persoal laboral fixo da categoría 10E do grupo V, vixiantes de arquivos, bibliotecas e museos, mediante o seu cambio de vínculo xurídico, deuse publicidade as cualificacións das persoas aspirantes.

Dende entón, e van para dous anos, non se adecuaron as RPTs para a funcionarización dos postos de traballo nin se procedeu ao nomeamento como funcionarios da administración xeral da agrupación profesional, escala de persoal subalterno, das persoas vixiantes de arquivos, bibliotecas e museos que superaron ese proceso selectivo.

Na Resolución do 16 de novembro do 23 convoca o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C2, un dos requisitos esixidos aos aspirantes é a sua pertenza como persoal funcionario de carreira á actual agrupación profesional da administración xeral, escala de persoal subalterno. Polo tanto, a Xunta de Galiza expulsa da promoción interna ao persoal laboral fixo que superou o proceso de funcionarización para a agrupación profesional.

Dende a CIG esiximos do director xeral da Función Pública da Xunta de Galiza a adopción das medidas necesarias para resolver o nomeamento como persoal funcionario do persoal vixiante de arquivos, bibliotecas e museos que superou o proceso selectivo e se posibilite a súa participación no proceso selectivo de promoción interna ao subgrupo C2 convocado pola Resolución do 16 de novembro.