Hoxe, día 19 de xaneiro de 2024, tralas xuntanzas da Comisión de Persoal e da Mesa Sectorial de persoal funcionario, quedou claro que a Xunta segue a impoñer un modelo de procesos selectivos e promocións internas que fan que o persoal teña que superar toda unha carreira de obstáculos. E desta a Xunta impuxo o seu modelo en contra do criterio de tódalas organizacións sindicais.

Para nós, é inaceptábel convocar oposicións puras e duras mentres exista unha temporalidade tan alta na administración. Sempre defendemos o concurso oposición como sistema de acceso, pero aínda máis tendo en conta o contexto actual. A maiores, tampouco compartimos as probas selectivas con criterios de corrección non obxectivos, e nestas convocatorias seguen a haber exames de temas, orais e de lectura.

Tampouco podemos aceitar o feito de ter unha promoción interna tan dura cando estamos neste momento de entrada de persoas na administración por concurso de méritos, hai que pararse a pensar e negociar un marco e modelo axeitado, que permita acceder dende calquera escala do subgrupo inferior que teña a titulación. Esta sempre foi unha reivindicación da CIG que agora cobra inda máis sentido. A Xunta rectificou e agora a antigüidade para acadar a puntuación máxima nestes procesos é de 24 anos de servizo, pero de pouco vai servir se os procesos de promoción interna son tan duros e con tan poucas prazas que poucas persoas traballadoras chegan á meta.

A Xunta non quere adaptarse aos tempos e todo isto vai na merma do seu persoal.

A maiores do anterior, en Rogos e Preguntas:

  • Remitirán a semana que ven as prazas para a elección de destino das enxeñerías agronómica e técnica agrícola. Primeiro elixirán os do A1 (enx. agronómica) e logo A2 (técnica agrícola).A resolución será conxunta. Todos os que aprobaran a promoción interna quedan na súa praza porque os postos están abertos. A prioridade de elección para as persoas participantes polo acceso libre será:
    • Primeiro pola maior antigüidade da oferta.
    • No caso de que a oferta sexa do mesmo ano, primeiro o proceso de estabilización e logo o de libre. Este criterio aplicarase en vindeiras ocasións. Dende a CIG solicitamos esta prioridade de elección da estabilización con respecto ao acceso libre e agradecemos que por parte de Función Pública se atendera á nosa reivindicación.
  • O mércores 24 de xaneiro vaise publicar a resolución para a apertura de prazo de acreditación de méritos do concurso de méritos do A1 e A2. Haberá un prazo de 10 días hábiles para presentar a documentación dos méritos que non consten no FIDES.
  • A vindeira semana tentarán tamén remitir as prazas de elección de destino de gardacostas.
  • Nuns días remitirán tamén os postos para o concurso de traslados da escala de Consumo.
  • RPTs:
    • Están traballando na RPT do Consorcio facendo adaptacións dos niveis.
    • Van crear 33 prazas na RPT do Consorcio e 3 prazas en centros residenciais e 14 en escolas infantís na RPT de Política Social.
    • Nos vindeiros días irá a Mesa e Comisión de Persoal a RPT de Educación.
  • Non se pode introducir no FIDES a titulación académica inda porque non está aberta esa pestana.
  • Proximamente anunciarase a data de realización dos exames da promoción interna cruzada vertical.