Ante as diferentes informacións aparecidas os últimos días nos medios de comunicación con información sesgada por parte de CC.OO, CSIF e UGT onde se acusa a CIG-Autonómica de denunciar un acordo de oferta de emprego público, queremos manifestar o seguinte:

1º.- Dende a CIG-Autonómica non denunciamos o acordo antedito, senón que denunciamos unha parte de dito acordo, en concreto os puntos 1º, 2º e 3º de dito acordo, isto é, os puntos que anulan unha parte do V convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

2º.- No caso de que prospere a denuncia da CIG-Autonómica consolidaranse todas as prazas ofertadas na OPE 2016, é dicir, si o TSXG nos dá a razón, a Xunta terá que convocar e cubrir as 506 prazas, xa que as que non se cubran por promoción interna terán que ser ofertadas a acceso libre. Non como acontece neste momento en que CC.OO, CSIF e UGT asinaron a posibilidade de que non se cubra a oferta de promoción interna e esas prazas se amorticen.

3º.- A CIG está a garantir o dereito a promoción de todos os empregados públicos, impedindo que a Xunta de Galiza oferte só prazas de acceso libre e ningunha por promoción interna, independentemente de cal sexa a categoría e o nível.

4º.- Manifestan CC.OO, CSIF e UGT que este conflito colectivo é unha actuación política. Efectivamente, dende a CIG-Autonómica consideramos que a actuación destes sindicatos é política, sobre todo tendo en conta que a oep de persoal laboral da Xunta de Galicia do ano 2015 non se convocou e se acumulou á do 2016, en pleno ano electoral. Aínda máis chamativa resulta a única oferta de emprego de persoal laboral feita polo goberno do Partido Popular de Feijoo alá polo ano 2009 con un total de 1113 prazas e que nunca foi convocada. Dende a CIG preguntámonos, onde estiveron estes sindicatos durante os derradeiros 7 anos?

5º.-Manifestan que este acordo é para reducir a alta interinidade da Xunta de Galiza, algo do que nos alegramos e compartimos, pero nos gustaría que foran consecuentes. A CIG non asinou este acordo, entre outras cousas, porque non cumpre as expectativas de modificación de emprego temporal por emprego fixo, xa que segundo os datos achegados pola propia administración pública galega a día de hoxe a distribución do persoal laboral é a seguinte:

  • Persoal laboral fixo: 5.491 traballadores/as
  • Persoal laboral temporal: 4.177 traballadores/as

É dicir, a OEP de 2016 cobre só o 12% do persoal temporal, mentres que o verdadeiramente grave é que o persoal laboral temporal supón o 45% de todo o persoal laboral da Xunta de Galiza, algo completamente inaceptábel.