O día 5 de xuño asistimos a unha xuntanza onde o Director Xeral da Función Pública nos achega un borrador sobre o baremo dos futuros concursos de traslados.

Asistimos á xuntanza sen documentación previa, polo que basicamente nos limitamos a recibir as ideas expostas polo DXFP, facer unha intervención moi xenérica sobre o asunto, e tratar algunha cuestión máis. Na xuntanza fan entrega dun documento que posteriormente enviaron en arquivo dixital.

O DXFP comeza afirmando que a súa proposta é totalmente flexíbel, coas seguintes dúas únicas limitacións: 1) Calquera cambio debe ir na liña de simplificar e axilizar os concursos, 2) Os cambios deben ser conformes ás normas legais (lei de emprego público, decreto de provisión e convenio colectivo).

O escenario final sería:
1. Chegarmos a un acordo que establecese as bases dos futuros concursos para moitos anos.
2. Un ou dous concursos de traslados anuais, tanto para funcionarios como para laborais.

Segundo o DXFP, estarían a preparar un novo decreto de provisión de postos de traballo, pero tal norma tería a suficiente flexibilidade como para permitir a posterior negociación dos diferentes procesos e, xa que logo, nada impide abordar este asunto sen necesidade de agardar á publicación do novo decreto.

A CIG fai a seguinte intervención:

1. Chámanos a atención de que os títulos do documento entregado refírense a persoal laboral e a funcionarios non adscritos a escalas. Por tanto estariamos ante un documento de aplicación ao persoal laboral e funcionario de corpos xerais. Pedimos explicación de porque non se aplicaría ás escalas e á administración especial. Resposta o DXFP que non ve ningún problema para a súa aplicación a estes funcionarios, comprometéndose a revisar o texto.

2. Aínda que o documento foi entregado na propia xuntanza e sen poder valoralo en profundidade, xa observamos que en funcionarios a proposta inicial desequilibraría en contra dos postos base (aumento de puntuación de méritos específicos, diminución da puntuación de incremento de grao, e diminución do peso da antigüidade). Para o persoal laboral non podemos aínda valorar pois as bases do concurso anterior valoraban os apartados por meses cando aquí o fan por anos, o que non nos permite facernos unha idea sobre a marcha.

3. Chama a atención os cambios propostos na formación:

  • Conformes con que permitan valorar calquera curso. Tamén conformes con que valoren por horas reais, non por tramos.
  • Que incrementen o mínimo dos cursos de 12 a 20 horas vai deixar moitos cursos fora. Por exemplo, nalgún colectivo que reciben cursos de formación especializada moitos cursos son inferiores a 12 horas.
  • Se limitan os cursos aos realizados nos dous últimos anos tamén deixarán moita formación fora. Anticipamos conflito pois tanto nós como o persoal ímolo rexeitar.

Insiste o DXFP que é unha proposta aberta. Quedamos comprometidos a presentar as primeiras alegacións ata o día 19 de xuño. Teñen intención de se é posíbel chegar a acordo antes do verán.

Nos vindeiros días faremos unha valoración polo miudo e presentaremos as correspondentes alegacións a Función Pública. Se queres dicirnos algo, podes contactar connosco.